Sés, sen risco de extinción
Por Diego Torrado
Incorformismo, paixón, loita e unha enerxía inesgotable. Todas estas sensacións, e moitas máis, despréndeas María Xosé Silvar, Sés, nos seus concertos e este sábado non ía ser menos en Pontevedra. O concerto organizado no Pazo da Cultura para presentar o seu novo álbum, Opoñerse á extinción, encheu o auditorio. Ela conseguiu revolucionalo.
Neste cuarto disco, a cantautora coruñesa non esqueceu a súa faceta reivindicativa que tanto a caracteriza e na actuación púxoa en práctica. Á vez que interpretaba os seus novos temas, compartía a súa visión loitadora da vida e a sociedade e a rabia que se converteu xa nunha permanente na súa música.
Sés é desde o seu primeiro disco un auténtico fenómeno social e con este novo traballo segue madurando e consolidándose como artista de referencia no panorama musical galego, á vez que, parafraseando o título do seu disco, despexa calquera posible dúbida sobre a súa futurible 'extinción'. Ela mesma defíneo como "un traballo humilde, sincero e profundamente namorado da cultura á que pertence. É un disco de amor".
A súa combinación de ritmos a golpe de blues, rock e sons latinoamericanos e a súa aposta polas novas sonoridades, todo en galego e todo cargado de compromiso social, meteron ao público de Pontevedra, unha vez máis, no peto.