Xa se pode visitar no Sexto "Mirar con tacto" unha exposición accesible a persoas cegas
Por Redacción
O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acolle ata o 19 de marzo a exposición itinerante "Mirar con tacto", que promove a inclusión social das persoas con déficit visual e sensibilizar á poboación xeral.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada de Xosé Leal, deputado provincial de Cultura e Lingua; Carlos Valle, director do Museo de Pontevedra; Marc Benhamou, director territorial de CaixaBank en Galicia, e Felipa Jove, presidenta da Fundación María José Jove, presentou este xoves esta mostra de arte accesible que xa recalou con anterioridade en Vilalba, Monforte de Lemos e O Carballiño.
A exposición chega a Pontevedra acompañada dunha completa programación de actividades específicas para familias, persoas con déficit visual e escolares.
Carmela Silva fixo fincapé en que "o acceso á cultura e á arte é o que fai que as sociedades sexan avanzadas", un obxectivo que cumpre esta exposición e que "ten que ser o de toda a sociedade e un deber para as administracións públicas".
O público que acuda ao Sexto Edificio do Museo atoparase cunha exposición deseñada para a súa participación activa, na que se mostran dúas esculturas de bronce orixinais "O abrazo" (2003) de Juan Xenovés e "Dama do chapeu" (1972) de Cristino Mallo. Ademais o visitante gozará de catro pinturas que foron creadas especificamente para ser tocadas, de maneira que ademais de ser gozadas mediante o sentido da vista tamén se poden sentir co tacto e o oído.
Para isto, mediante unha nova técnica denominada Didú, reproducíronse a tamaño real catro obras da Colección de Arte Fundación María José Jove: "Madonna con rosa mística" de Salvador Dalí, "Visita de pésame" de Dario Regoyos, "Queens of London" de Carlos Alcolea e "Interior con Julia" de Ramón Casas.
A exposición, na que haberá sempre un monitor para guiar o percorrido, ten ademais como eixo fundamental vinte actividades deseñadas especificamente para este proxecto, como son trazo de debuxos en relevo, pinturas aromatizadas ou exercicios de tacto, entre outras.