Iván Ferreiro volve a Pontevedra: actuará o 30 de marzo na Sala Karma
Por Alejandro Espiño
Como ben di o nome do seu novo disco, Iván Ferreiro volve a casa. Pontevedra sempre respondeu aos concertos que ofreceu o músico de Nigrán e, seguro, o próximo 30 de marzo non será unha excepción. É o día elixido para presentar na cidade do Lérez o seu sexto disco de estudo. Será na Sala Karma, a partir das dez da noite.
Así o confirma a propia web de Iván Ferreiro, que incluíu Pontevedra nunha longa xira por toda España para presentar o seu último traballo discográfico, Casa.
Tres anos despois do seu anterior disco, Val Miñor-Madrid. Historia y cronología del mundo, Ferreiro regresa co seu álbum composto na súa casa de Gondomar e para o que contou de novo coa produción de Ricky Falkner e coa colaboración de toda a súa banda habitual, integrada polo seu irmán Amaro, Xavi Molero, Pablo Novoa e Emilio Saiz.
Casa, segundo destaca a promotora do artista, é un traballo "con moita música que rumorea e morde, un disco capaz de seducir á primeira escoita e que se asocia co mellor de Iván Ferreiro ao longo de toda a súa carreira".
Ademais, sinala que este disco "é un rescate de si mesmo, un álbum sutil e cheo de vida, cun directo renovado onde se desprende a poética musical tan característica deste artista, parte da historia da música indie-rock do noso país.
Durante os anos 90, Iván Ferreiro liderou a Los Piratas, unha das bandas de rock máis representativas da década, coa que gravou cinco discos antes da súa disolución en 2003. Dous anos despois, iniciou a súa carreira en solitario coas lembrado Canciones para el tiempo y la distancia, que o situou como un dos artistas de referencia en España.
A este traballo seguíronlle o EP Las siete y media (2006), Mentiroso mentiroso (2008), Picnic extraterrestre (2010), o retrospectivo Confesiones de un artista de mierda (2011) e Val Miñor-Madrid. Historia y cronología del mundo (2013).
As entradas para este concerto, que teñen un prezo de 22 euros, pódense adquirir a través da plataforma Vaya entradas.