O Museo de Pontevedra mira "cara ao futuro"
Por Redacción
O acto de entrega do Premio da Cultura Galega ao Museo de Pontevedra foi o escenario escollido pola Deputación para desvelar algúns dos plans que ten coa institución museística a longo prazo.
"Este estamento non pode ser estático nin vivir só dun pasado glorioso e dun presente tan importante e polos cales vén de recibir este recoñecemento", sinalou o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal.
Os plans do futuro co Museo pasan "pola apertura dos edificios que permanecen pechados e a súa reformulación, para o que xa estamos a traballar, para que sexa unha realidade a partires deste ano 2017, Ano do Patrimonio", recoñeceu.
O deputado indicou ademais que a intención é que o Museo alcance o papel que lle corresponde a nivel nacional como centro artístico de referencia sempre coa idea de "manter a esencia pero apostar por novas fórmulas, novos formatos". Por ese motivo formouse un consello asesor técnico sobre o que virará o plan de actuación "para os vindeiros 20-30 anos".
A intervención de Leal foi reforzada pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, ao sinalar que "queremos proxectar e impulsar novas políticas que permitan democratizar o acceso á cultura ao tempo que promovemos o valor artístico, histórico e cultural da provincia de Pontevedra".
Pola súa banda o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recoñeceu que para a cidade "un museo coma este é un premio en si mesmo", ata o punto de que "ninguén dubida que se trata do gran Museo Nacional de Galiza".
No acto, presidido ademais de polos representantes das institucións públicas polo director do Museo, Carlos Valle, houbo espazo tamén para actuacións artísticas, como as do violinista Sergio Heredia, Davide Salvado, a cantautora Alba María acompañada do músico Felipe Villar, a poeta Tamara Andrés, o bailarín de danza contemporánea Daniel Pardo e a bailadora tradicional Rosi Leiro.