Este pontevedrés do barrio da Moureira é un melómano declarado, e é algo que quen vaia a ver Desconexión comprobarano. A maioría da selección musical que fixo para A Playlist de PontevedraViva Radio descubriuna na adolescencia "e quedaron na miña cabeza para sempre. Non dan marchado, nin quero que marchen. Son como cando queres a unha persoa tanto que a levas sempre contigo e non queres que desapareza da túa vida. Pois isto é o mesmo, pero en canción". Son palabras de Xurxo Cortázar.
Por circunstancias profesionais do seu pai, pasou boa parte da súa adolescencia en Málaga, onde conserva aos seus mellores amigos, deliciosos momentos e unha parte da familia. O público coñéceo como Xurxo, pero o nome que figura no seu DNI supúxolle algún que outro vacile no instituto.
O da súa vocación polo teatro tivo unha orixe algo diferente ao actual, pensou en ser especialista. Si, eses profesionais que se dedican a dobrar aos actores nas escenas arriscadas: "eu soñaba con tirarme dun tren en marcha", di. Aínda que logo, deuse conta que o emocionante eran os aplausos do público.
O seu primeiro papel profesional foi con Migallas, logo ao longo destes anos de carreira estivo con diferentes compañías, a última Baobab. A comezos de 2016 "cambiou de aires" e empezou a darlle forma a un proxecto que facía tempo que lle roldaba a cabeza: Desconexión. O Pazo da Cultura foi a incubadora onde foi tomando forma e a criatura se estreará o dez de febreiro da man do Centro Dramático Galego.
Quizá sen darse conta, e falando de música, deixou unha boa definición do seu traballo: "non hai que dar moitas voltas, nin empregar moita tecnoloxía para facer cousas bonitas. Se tes talento, traballas e encántache o que fas, os resultados están aí". Moita merda Xurxo.