O Roteiro Castelao, tamén para ler
Por Natalia Puga
Percorrer a cidade de Pontevedra seguindo as pegadas de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao á vez que se coñece a historia da localidade e a lingua galega. Ata agora era o obxectivo do Roteiro Castelao posto en marcha pola administración local hai anos e a partir desta semana tamén dunha nova publicación en papel. Trátase da guía Camiñadas con Castelao, un libro que acaban de editar o Concello e a Deputación Provincial coa colaboración da ilustradora Ana Seoane e o guía habitual do Roteiro, Roberto Rivas.
Camiñadas con Castelao baséase nas experiencias do Roteiro Castelao e o contido do mesmo e está concibido como un apoio a este percorrido por Pontevedra no que o ano pasado participaron ao redor de 60 grupos e unhas 1.000 persoas, fundamentalmente escolares. De feito, editáronse 3.000 exemplares que se distribuirán entre os participantes na actividades.
O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, e o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, presentaron este luns 30 de xaneiro a guía coincidindo co 131 aniversario do nacemento de Castelao. A coincidencia non foi baladí, senón totalmente premedicada por parte do Concello e a Deputación, que queren insistir sobre a importancia da figura de Pontevedra e o seu vínculo con Pontevedra e coa lingua galega.
O lugar elixido para dala a coñecer foi a Casa da Luz porque, segundo Oubiña, é unha das paradas fundamentais do Roteiro Castelao. Ademais, segundo desvelou, está apoiado por un código QR que redirixirá a quen o utilice a unha páxina web de Normalización Lingüística.
Segundo Conchi Cochón, técnica do servizo de Normalización de Pontevedra, será unha ferramenta útil para nenos e adultos que poderán utilizar os profesores para seguir traballando na aula o contido do Roteiro como un percorrido non só pola Pontevedra de Castelao senón pola historia da lingua galega e da propia cidade do Lérez.
Esta presentación podería considerarse xa a última actividade do Ano Castelao organizado pola Deputación en 2016, pero Xosé Leal vai máis aló e asegura que o debuxante, escritor e político de Rianxo "vai estar presente sempre" no traballo da institución provincial e do Concello, ao iguel que a defensa da lingua galega "debe estar presente os 365 días do ano".