Sánchez Cantón, protagonista do XV Memorial Filgueira Valverde
Por Redacción
O XV Memorial Filgueira Valverde centrarase este ano na figura do pontevedrés Francisco Javier Sánchez Cantón, unha das grandes personalidades do seu tempo no ámbito dos estudos humanísticos tanto a nivel galego como estatal.
A edición deste ano céntrase en Sánchez Cantón aproveitando o 125 aniversario do seu nacemento que se conmemorou no ano 2016. A partir do vindeiro mércores 1 de febreiro, abordará catro capítulos esenciais na súa traxectoria: a súa relación con Castelao, cos Museos de Pontevedra e do Prado, e co Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos.
O primeiro dos relatorios terá lugar o día 1 no salón de actos do Sexto Edificio ás 20.00 horas e correrá a cargo de Carlos Valle baixo o título "Sánchez Cantón e o Museo de Pontevedra (coa cidade ao fondo)". O día 8 de febreiro ás 20.00 horas na Casa das Campás falará a responsable do Arquivo Documental do Museo de Pontevedra, María Jesús Fortes Alén, sobre a relación entre Sánchez Cantón e Castelao.
A terceira sesión celébrase o 22 de febreiro no Sexto Edificio baixo o título "Sánchez Cantón no Museo del Prado durante a Guerra Civil" e correrá a cargo de Judith Ara Lázaro, coordinadora xeral técnica deste Museo estatal. O Memorial pecharase o día 22 na Casa das Campás co relatorio titulado "Sánchez Cantón e o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos" a cargo de Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, doutor en Historia Medieval e director do Instituto Padre Sarmiento.
Sánchez Cantón foi, ademais, autor de máis de oitocentos títulos e participou activamente na fundación e desenvolvemento do Museo de Pontevedra, ao que lle legou o seu arquivo e a súa biblioteca privadas e do que foi nomeado Director Honorario. Tivo unha relación moi estreita con Castelao, asumindo persoalmente a dirección da edición, realizada en Madrid, do hoxe mítico Álbum Nós. Subdirector primeiro (1922) e director despois (1960) do Museo del Prado, foi tamén, entre outras moitas distincións e cargos que ocupou ao longo da súa vida, membro de número da Academia de Belas Artes de San Fernando (1921), da Historia (1934) e da Española (1949), chegando a presidir simultaneamente, feito excepcional, as dúas primeiras corporacións.
Relacionadas:
-
Filgueira Valverde, o último polígrafo
Por Redacción |
-
A Prehistoria en Galicia, a análise no XII Memorial Filgueira Valverde
Por Redacción |
-
O Memorial Filgueira Valverde analizará as orixes do primeiro galego
Por Redacción |
-
O Memorial Filgueira Valverde trae ao presente o legado do arquitecto Alejandro de la Sota
Por Redacción |