O actor pontevedrés Xurxo Cortázar prepara no Pazo da Cultura a estrea mundial de 'Desconexión'
Por Anxo Lourido
Ultiman os ensaios nunha das salas do Pazo da Cultura. É o seu laboratorio de probas de luns a venres durante as últimas semanas. O actor Xurxo Cortázar e o director e autor teatral Santi Cortegoso preparan para o vindeiro venres 10 de febreiro a estrea mundial de 'Desconexión', unha idea que o intérprete levaba anos removendo a cabeza do pontevedrés. Foi en 2016 cando Xurxo Cortázar deixaba a compañía Baobab Teatro para cambiar o rumbo e volver a enfrontarse a unha montaxe individual enriba dun escenario. Xa o fixera interpretando ao pirata Benito Soto no espectáculo 'A penitencia do pirata' hai máis de dez anos. Agora volveulle abordar a necesidade de enfrontarse a un personaxe solitario en escena e decidiu que Santi Cortegoso debía dirixilo cando viu a montaxe 'Raclette', o último traballo teatral da compañía Ibuprofeno Teatro, escrito e dirixido por Cortegoso.
"Estou investindo cartos que non teño, tempo que non hai e moito esforzo en sacar adiante algo no que teño moita fe" afirma Xurxo Cortázar que asegura que os espectadores van atoparse cun personaxe con dobre personalidade, un cuarentón que non é feliz coa vida que leva.
"É o que os americanos chamarían un loser", apunta o actor. Pero é un texto cómico e ácido que, en escena, aparece acompañado de música, de crítica, de acción e dun ambiente urbano. O personaxe vive conectado a un semáforo regulando o tránsito de peóns. A versión definitiva do texto foi elaborándose a través do traballo creativo que o director e o actor estableceron nos ensaios. "Traballar con Santi é unha auténtica gozada! É un director con moitísimo talento. Todos os ensaios me sorprende coas cousas que trae preparadas para probar", indica o pontevedrés cando fala desta experiencia co director e escritor de Moaña.
O 3 de febreiro comezarán a residencia en Santiago, previa a estrea do venres 10 no Salón Teatro, onde permanecerá ata o 12 de febreiro con funcións ás 20.30 e as 18.00 horas. As entradas poden adquirirse na web de Abanca ou na billeteira do teatro dúas horas antes de cada función. Tras a estrea, Cortázar agardar poder presentar este espectáculo en diferentes puntos de Galicia. O actor leva desde 1996 desenvolvendo unha carreira artística sobre todo realizando espectáculos para público infantil primeiro na compañía Migallas Teatro ata Baobab Teatro e promovendo actividades como Domingos do Principal, a Feira do Humor ou o Salón do Libro Infantil e Xuvenil.
Relacionadas:
-
O actor pontevedrés Xurxo Cortázar presenta este venres a súa 'Desconexión' en sesión golfa
Por Anxo Lourido |
-
Un "Superheroe" nos Domingos do Principal
Por Diego Torrado |
-
RADIO.- Xurxo Cortázar, un espírito rockeiro sobre os escenarios
Por Marisa Ciordia |
-
A compañía pontevedresa Ibuprofeno Teatro obtén en Ciudad Rodrigo a mención especial ao Mellor Espectáculo
Por Anxo Lourido |
-
Dous pontevedres de adopción, Maríán Bañobre e Santiago Cortegoso, galardoados cos premios María Casares
Por Redacción |