O teatro tamén loita contra o acoso escolar
Por Mónica Patxot
A concienciación sobre a importancia de evitar situacións de acoso escolar debe ser unha actuación transversal na sociedade e a educación e toda axuda é pouca para logralo. Preto de 3.000 alumnos de centros escolares de Pontevedra e a súa comarca terán un reforzo ao longo desta semana a través do espectáculo teatral Freaky na sede de Afundación.
No espectáculo, a compañía Blue Mango Theatre aborda a realidade do acoso escolar, concienciando sobre a importancia de inculcar a cultura do respecto no seo da comunidade educativa e na sociedade en xeral co obxectivo de que os estudantes aprendan a aceptar e comprender a diversidade e reforzar neles valores como o respecto, a liberdade, a igualdade ou a integridade.
Freaky aborda a problemática do acoso escolar nos campamentos de verán e no caso dun neno que parece un pouco distinto aos demais. Non se mostra moi animado, é moi pálido, sempre viste de negro e o seu aspecto é... diferente. Todo o mundo pensa que é un pouco raro e freaky. Achégase o concurso de baile de final de colonias e... vaia se sabe bailar! Será capaz de superar o acoso e gañar? A través da música abórdanse temas como o acoso escolar, o respecto ou a amizade.
A actuación congrega ao alumnado pontevedrés en dúas funcións diarias entre o martes e o venres desta semana. Nesta galería aparecen algúns dos escolares que xa a presenciaron este mércores.