A coral Valdarrosa ofrecerá cinco concertos en igrexas de Ponte Caldelas
Por Redacción
A coral Valdarrosa ofrecerá cinco concertos durante as tardes dos venres noutras tantas igrexas parroquiais do municipio de Ponte Caldelas.
O calendario comeza o próximo venres 3 de febreiro, na igrexa de Xustáns. As datas seguintes serán o 17 de marzo en Forzáns, 21 de abil en Anceu, 16 de xuño en Tourón e 29 de setembro na Insua. As actuacións serán ás 20.00 horas, agás as dúas últimas, xa no verán, que comezarán ás 21.00 horas.
Esta iniciativa está incluida no plan cultural posto en marcha polo goberno local e que inclúe actuacións musicais en todas as festas populares, ademais dunha intensa programación no Centro Cultural.
O acordo foi pechado estes días polo alcalde, Andrés Díaz, e o director da coral, Iván Gulín Porto, e supón un paso máis no estreitamento das relacións entre o Concello e esta entidade, que está a celebrar o seu 25º aniversario. De feito, a coral é xa a encargada de impartir as clases de música, especialidades de piano e guitarra, que se ofrecen semanalmente no Centro Cultural.
A coral Valdarrosa ten unha presencia moi activa na dinamización social do municipio, pois a súa presencia é habitual nas festas das Dores, a festa da patrona ou o concerto de Nadal. Está formada por 32 persoas que atopan nesta agrupación unha forma de lecer e de enriquecemento cultural e persoal.