Bueu recupera para este 2017 o certame de relatos de muller Matilde Bares
Por Redacción
A concellería de Igualdade do Concello de Bueu, dirixida por Ana Isabel Otero Pastoriza, recuperará o certame de relatos de muller na honra de Matilde Bares. Este premio convocouse por primeira vez en 2005 con motivo da celebración do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, pero tivo que suspenderse provisionalmente en 2011.
O concurso reuniu ao longo deses seis anos a persoas que reflexionaron a través dos seus relatos sobre o tratamento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a corresponsabilidade nas obrigacións familiares e sociais, ademais de sobre a violencia de xénero.
O certame, que volve convocarse este ano, está dotado con 1.500 euros e a edición en formato libro.
Con este concurso tamén se rende unha homenaxe a Matilde Bares, mestra recoñecida na vila pola preparación de ata tres xeracións de estudantes de Bueu, ademais de ser organizadora de actividades culturais e grupos de teatro. En 1932 realizóuselle unha homenaxe promovida polos emigrantes arxentinos en agredicimiento polo seu traballo. Moitos daqueles emigrantes aprenderon a ler e a realizar as contas antes de marcharse a Arxentina.
Tras a quinta edición do premio, o Concello de Bueu publicou un volume especial, titulado 'Póker de dramas', no que se recollían os relatos gañadores de todas as edicións.