Primavera de cine na Casa das Campás
Por Redacción
O Ciclo de Cinema de Primavera 2017 do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, 'Arredor de si', comezará o vindeiro venres 20 de xaneiro coa primeira proxección na Casa das Campás e prolongarase ata o 28 de abril cunha ducia de proxeccións e dous relatorios a partir das 19.15 horas.
Segundo informou o Diario da Universidade de Vigo (Duvi), o ciclo está inserido na programación cultural da Vicerreitoría do campus e inclúe un relatorio a cargo do coordinador do ciclo, Suso Novás, e outro de José Manuel López, crítico e membro do consello de redacción de Caimán Cuadernos de Cine.
O ciclo comezara o vindeiro venres coa película A muller do tenente francés, de Karel Reisz, e continuarán o día 27 con O crepúsculo dos deuses, de Billy Wilder. En febreiro, os días 3, 10, 17 e 24, proxectaranse, respectivamente: A noite americana; de Francois Truffaut; A podadora, de Robert Aldrich; Angustia, de Bigas Luna; e Ed Wood, de Tim Burton.
En marzo será a quenda os días 3, 10, 24 e 31 para Tropic Thunder. Unha guerra moi dura, de Ben Stiller; Impacto, de Brian de Palma; A rosa púrpura do Cairo, de Woody Allen; e Berberian Sound Studio, de Peter Strickland. Ademais, o día 17 terá lugar o relatorio 'Reeducando ao espectador: metalinguaxe e autorreflexividade', de Suso Novás.
No mes de abril, o día 7 proxectarase O desprezo, de Jean-Luc Godard e o día 28, Tristram Shandy: A historia dunha gaita e dun touro, de Michael Winterbottom. O día 21 terá lugar o segundo dos relatorios do ciclo, 'Jean-Luc Godard: o comezo da linguaxe'.