Arranca a edición máis ambiciosa de Poio Escena
Por Redacción
A edición de Poio Escena 2017 será a máis ambiciosa ata o de agora.
A principal novidade deste certame teatral será a inclusión de compañias profesionais xunto aos grupos afeccionados locais. Para iso foi necesario elevar o orzamento en 1.700 euros máis ata alcanzar os 6.000 euros e espérase que outras administracións contribúan a financiar esta importante cita cultural "como sucedeu en 2016 coas obras do Ano Castelao" da Deputación de Pontevedra.
Segundo informou a concelleira de Cultura, Lidia Salgueiro, os venres deixan de ser o día fixado para todas as funcións que agora se poderán representar calquera outro día da semana.
O próximo 28 de xaneiro, sábado, na aula Municipal de Teatro Samieira arrinca este ciclo que constará de doce obras, unha cada mes, repartidas entre as diferentes parroquias da localidade. Previamente á representación, a Aula de Teatro Municipal de Pontevedra recibirá o galardón como agrupación gañadora do Premio do Público do Poio Escena 2016 con 523 puntos pola obra 'Banqueiros' representada no mes de outubro en Raxó.
O presidente da SCD Raxó, Xaquín Agulla, apuntou que os prezos se manterán entre 5 e 15 euros o bono anual e entre un e tres a entrada única, en función de se os asistentes son ou non socios das asociacións colaboradoras.