"Un rolo de papel continuo" que une a docentes e titulados de Belas Artes
Por Oskar Viéitez
Este xoves inaugurouse na Sala X da Facultade de Belas Artes unha exposición coral que recolle o traballo conxunto de seis creadores.
Das seis persoas que se dan a man neste proxecto, denominado "Un rolo de papel continuo", Nono Bandera é o único que exerce como docente na Facultade de Belas Artes, mentres que Marcos Covelo, Nuria Figueiredo, Berto Fojo, Julia Huete e Natalia Umpiérrez pasaron polas súas aulas nos últimos anos.
Sobre a súa elección, a comisaria Susana Cendán explicou no Diario da Universidade de Vigo que "non primou tanto a procura dunha coherencia estilística, como o ser capaces de poñer en común conceptos e intereses en aparencia inconexos".
"Un rolo de papel continuo" é un proxecto conxunto e coral, pero a mostra comprende tamén un conxunto de traballos individuais expostos na vitrina da entrada da facultade.
A exposición poderase visitar ata o 10 de febreiro de luns a venres de 12.00 a 14.00 horas e de 19.00 a 21.00 horas na Sala X e na entrada da Facultade de Belas Artes.