Convértete en guionista de ficción da man do Liceo Mutante
Por Alejandro Espiño
Dar ferramentas a todos aqueles que queren traballar nos seus propios guións audiovisuais. ÿ o obxectivo dos cursos e obradoiros de guión de ficción que organiza o Liceo Mutante durante os meses de marzo e abril. Con eles, os participantes aprenderán certos procesos, técnicas e pautas que facilitan o elaborado destas obras, a obtención de ideas e, mesmo, a súa distribución.
O curso de iniciación ao guión de ficción, que terá lugar entre o 5 de marzo e o 30 de abril, mostrará os principios básicos do proceso completo, que son aplicables a calquera tipo de obra audiovisual. Ensinará desde que é un guión, os procesos e técnicas para a obtención de ideas, o desenvolvemento e tipos de estruturas, a creación de personaxes, as tramas e recursos narrativos que existen, ou a creación de escenas, diálogos ou actuacións.
A seguinte das actividades será un taller de desenvolvemento de series de ficción. Celebrarse tamén entre o 5 de marzo e o 30 de abril. Nel, tratarase o proceso de creación e desenvolvemento dunha serie de televisión, deseñada segundo os parámetros da televisión en España. Para iso, farase unha simulación de cada un dos proxectos nos que traballen os alumnos do procedemento e os pasos que se esixen dende a cadea ás produtoras.
A meta final debe consistir, non tanto en lograr un produto rematado e que se axuste á medida que requiriría a cadea, senón en coñecer e espremer cada unha das etapas do traballo e levalas a cabo en situacións e prazos análogos a aqueles nos que se desenvolven as principais produtoras españolas, establecendo como resultado final unha biblia e un documento de venda da serie que se poida mover por produtoras e cadeas.
E entre o 22 de marzo e o 30 de abril terá lugar un taller de guión de ficción, que fará fincapé na creación e o desenvolvemento de guións para unha longametraxe ou proxecto audiovisual. O obxectivo non é tanto a creación do proxecto, como a aprendizaxe das técnicas utilizadas para mellorar a estrutura do guión e desenvolver os seus valores de produción. Nos proxectos menos extensos, obterase unha biblia que servirá para distribuír o guión, e nos máis extensos, un tratamento secuenciado e os elementos necesarios para rematar o proxecto.
Os cursos e talleres estarán impartidos por Sebastián Penas, productor en películas como De bares ou Catalina; Gerardo Costas, responsable de Producciones mutantes; Enrique Lojo, guionista con experiencia en radio e televisión, ou Francisco Carballal, analista de guións do departamento de ficción de Telecinco.
Os interesados en apuntarse a estas actividades poden facelo a través do correo electrónico guionmutante@gmail.com.