Pontevedra dá a benvida a 2017 con música, ballet e zarzuela no Concerto de Aninovo
Por Diego Espiño
Non é Viena, pero empeza a ser toda unha tradición na cidade. O Pazo da Cultura vestiu este domingo 1 de xaneiro as súas mellores galas para recibir ao 2017 a ritmo do Concerto de Aninovo da Filharmónica Cidade de Pontevedra.
O medio cento de músicos da formación pontevedresa fixeron gozar ao público que enchía o auditorio cos tradicionais valses e polkas de Strauss e Tchaikovsky. Ademais por primeira vez durante a primeira metade do espectáculo interpretaron música de zarzuela.
Coa colaboración do tenor Enrique Martínez e a soprano Ruth Terán, interpretáronse pezas de La revoltosa, Doña Francisquita, El último romántico, El gato montés, La boda de Luis Alonso, El caserío e El barberillo de Lavapiés.
A quinta edición do Concerto de Aninovo foi dirixido de novo por Fernando Briones e contou coa colaboración do Ballet Norte, que acompañou a interpretación con catro parellas de balarines. Ademais un grupo de estudantes de danza de entre 10 e 12 anos participaron nalgúns momentos do espectáculo.