Senén Vaamonde e dous músicos da Roda ofrecen 'Cantarolas para xente miúda' en Ponte Caldelas
Por Redacción
Este xoves a partir das 18.30 horas, o salón de actos do Centro Cultural de Ponte Caldelas acollerá a celebración dun concerto didáctico que, baixo o título de "Cantarolas para xente miúda", está dirixido a escolares de máis de dous anos de idade.
Trátase dun evento que evoca as figuras do cantante de Regodobargo, Suso Vaamonde, e do escritor de Vila de Cruces, Xosé Neira Vilas. A interpretación correrá a cargo de Senén Vaamonde e de dous músicos do grupo de música tradicional A Roda.
A duración do concerto será de ao redor de 50 minutos e a entrada é libre. Estas "Cantarolas" aparecen recollidas nun disco infantil que inclúe os poemas de Neira Vilas musicados por Vaamonde como Cabaliño Novo, Cantarela dous nenos ou Soñei co tuturutú. Ademais recolle o tema Ensoños, con letra de Suso Vaamonde.
O acto destinado, principalmente, a público infantil está organizado pola Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia en colaboración co Concello.