'O final do camiño', a serie que ten a provincia como protagonista
Por Mónica Patxot
Oito capítulos de máis dunha hora de duración dirixidos a un público familiar conforman a primeira tempada da serie 'O final do camiño', unha serie que se emitirá nos próximos meses en horario de máxima audiencia tanto en Televisión Española como na Televisión de Galicia. Nela colabora a Deputación de Pontevedra e, por este motivo, este martes realizouse un acto promocional no Palacete das Mendoza.
Na serie poderanse ver paisaxes de Silleda, Lalín, Xestoso, Forcarei, canteira de Rosende, canteira de Vila de Cruces, os mosteiros de Carboeiro e Aciveiro, praia fluvial de Siro, Pazo de Outeiro en Vilatuxe, fervenza de Escuadro, Vila de Cruces, Campomarzo, Ansemil, Carballeira da Barcia e o Castro da Estrada. Tamén se utilizaron as instalacións da Feira Internacional de Galicia, en Silleda, onde se recreaba a Compostela medieval e as obras de construción da catedral.
O acto deste martes foi unha celebración do fin da rodaxe da serie e parte do equipo artístico e técnico asistiu a este evento no que se exhibiron imaxes das zonas de Rías Baixas nas que se gravou a serie.
A historia sitúase no ano 1065, dez anos antes de que se iniciasen as obras da catedral. Na serie participan intérpretes como Maxi Iglesias, Begoña Maestre, Xavier Deive, Perico Asorey, Antonio Durán "Morris", Patricia Peñalver e Fina Calleja.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que a provincia de Pontevedra é o escenario protagonista da serie e serve como escaparate para a provincia.