Manuel Díaz "El Cordobés": "Hoxe en día está de moda dicir son antitaurino como nos anos 70 estaba de moda dicir son hippy"
Por Ramiro Espiño & Mónica Patxot
A Coordinadora de Peñas taurinas de Pontevedra, que preside Juan Riveiro apuntouse un notable éxito coa presenza nuns abarrotados salóns do Liceo Casino do matador de touros Manuel Díaz 'El Cordobés'. O 'diestro' acaba de publicar un libro coas súas memorias, titulado De frente y por derecho, cunha grande aceptación ao ter alcanzado xa a cuarta edición.
Da man do escritor Jaime Royo-Villanova, amigo do toureiro, o libro narra en formato de novela a súa vida, á vez que rende tributo á súa nai, María Dolores "e a todas as nais que defenden a súa verdade", segundo palabras do propio matador, ademais de incluír un caderno de fotos inéditas.
Facendo un repaso pola súa infancia, o seu matrimonio con Vicky Martín Berrocal, da que se separou tras ter unha filla en común, e a súa actual relación coa venezolana Virginia Troconis, con quen actualmente ten dous fillos, son algúns dos apartados deste libro que foi presentado aos afeccionados pontevedreses da man de José Vicente Martín, torilero do coso de San Roque e presidente da Peña El Capote, que exerceu como mestre de cerimonias.
Para rematar, o matador recibiu o cariño de numerosos afeccionados, que non quixeron perder a oportunidade de fotografarse co destro, nun acto co que a Coordinadora de Penas de Pontevedra dá comezo á súa tempada anual.
Manuel Díaz vestiuse de luces por primeira vez o 15 de agosto de 1983, en Abenójar (Ciudad Real), e o seu debut con picadores tivo lugar en Córdoba o 7 de abril de 1985. Tomou a alternativa en La Maestranza de Sevilla, o 11 de abril de 1993, con dous compañeiros de terna de auténtico luxo: Curro Romero como padriño e Juan Antonio Ruiz 'Espartaco' como testemuña.
Antes da charla, o 'diestro' atendeu amablemente a PontevedraViva:
Moitos anos en Pontevedra, pero esta vez por un motivo ben distinto, presentando un libro. E eu que non me imaxino un toureiro escribindo un libro...
Ben, realmente nisto hai moito mundo interior. Eu tiña a necesidade de contar as miñas vivencias, son moi amigo de Jaime Royo-Villanova, que é un grande escritor, e el foi o que me axudou, porque eu literariamente non tiña moitos recursos, pero si é certo que contei a miña vida, parte da miña vida, e estou moi contento de ter chegado ata aquí, de ser quen son, de ter vivido todo iso, e tiña necesidade de contalo.
Na area, ante o touro, hai que estar co corazón aberto. Ante o papel tamén o estiveches?
Sempre. Eu creo que se non o fas de verdade é mellor non o facer. Tes que vivir os teus sentimentos e explicarlle á xente o que queres que saiban de ti, o tipo de persoa que es, como é a xente que te rodea, os pasos que fuches dando. A vida é un cúmulo de experiencias e agora fáloche como pai, a miña experiencia da vida estáme a axudar a entender cada día mellor aos meus fillos e a achegarme máis ao tipo de pai que quero ser para eles, un pai que estea presente en todo momento, que é o que eu máis botei en falta. Eu considero que hoxe en día esa presenza para os teus fillos é fundamental, que te sintan preto, que te vexan como un amigo e que sintan que estás aí para cando teñas que axudalos. No libro conto un pouco todas esas vivencias, o que me foi facendo cambiar de opinión ou de sentido nalgunhas fases da miña vida, como fun afrontando as adversidades e de que xeito intentei converter esas adversidades en cousas positivas.
Dis que botaches de menos un pai, pero que os teus fillos te teñen. Imaxínaste un deles dicíndote? "papá, quero ser toureiro"
Se un fillo me di que quere ser toureiro "daríame máis coraxe que me dixese quero ser arquitecto"
Home, pois fíxate, o que me daría máis coraxe é que me dixese "quero ser arquitecto" porque aí si que non podería axudalo, pero toureiro, creo que tería algúns consellos que darlle. Sufriría moito, iso si, porque dicirlle a un fillo teu estás disposto a xogarte a vida? é moi difícil e para ser toureiro hai que estar disposto a perder a vida, son palabras maiores, pero non dubidaría en axudalo con todo o meu coñecemento do touro, pero quizais máis que para achandarlle o camiño para abrirlle os ollos ante esta profesión do toureo e para que se dese conta que o importante é vivir en toureiro, facer do toureo unha forma de vida, que é o que eu fago na miña casa, un sitio en que todos vivimos os touros, respectamos os touros e aí nos vai.
Sen descubrir a trama, con catro edicións xa publicadas do teu libro, que nos contas, que nos dis que non saibamos xa de Manuel Díaz 'O Cordobés'?
Ben, o libro como seguramente sabes foi unha homenaxe á miña nai, á miña e a todas as nais que loitan por defender a súa verdade. Eu estaba moi afeito a que moitas señoras se me arrimasen e en voz baixiña me dixesen ao oído: "eu tamén teño un fillo como ti", e eu contestáballe: "señora, non o oculte, bérreo, por que mo di en voz baixa se vostede ten o mellor desa relación que é o fillo que lle quedou? ". Por iso, en homenaxe a esas nais que loitan por defender a súa verdade quixen que a miña nai contase as súas vivencias. A miña nai nunca fora unha muller que contara nada, pero con Jaime na casa, porque Jaime se veu a vivir un mes connosco para axudarme co libro, pouco a pouco fomos sacándolle deses acochos que ela tiña os seus recordos, e esa parte da miña nai que eu cando a lin por primeira vez chorei coa miña muller, porque sabía que a miña nai pasara moito, pero non tanto, me emocionou, fíxome conmoverme con ela e querela aínda máis. No libro intentei que a xente me coñeza antes de nacer e esa parte, evidentemente, a que mellor a sabe é a miña nai.
Falamos de Manuel, persoa, pero falemos tamén un pouquiño de Manuel, toureiro. Pasáchelas canutas, como a maioría nesta profesión. Dende o profundo respecto que dá sempre alguén que se atreve a poñerse ante a cara dun touro, ti sabes que a Manuel Díaz 'El Cordobés' moitas veces se lle dixo que no teu toureo había moi pouco de ortodoxia e moito de teatro...
Ben, a verdade é que si, pero despois de 20 anos na primeira fila, despois de matar máis de 1.700 corridas e con 20 cornadas no meu corpo, pode ser que ao mellor fose un toureiro, non que buscase recursos, coidado, o que eu fago non é doado, pero moitas veces tiven que sacrificar o que me saía porque son un pouco escravo da miña historia, da miña lenda. Eu tiven que abrirme paso a golpes nesta vida e utilicei todas as armas que tiña ao meu alcance, armas que algunhas aínda me acompañan nesta batalla e que non podo desagradecer o que fixeron por min, nin as esquecer, pero non cabe dúbida de que dentro de min hai unha gran técnica de 20 anos de matador de touros por todas as prazas do mundo taurino e que aquí sigo, que estou posto para Valencia en Fallas, na Feira de Sevilla, en Córdoba...algo será o que eu teño cando a xente me reclama non?. Está claro que si, ao mellor non son o máis exquisito, que se me poden discutir as formas, pero hai unha cousa que sempre perseguín e é que nunca se me discuta a entrega. Non son un toureiro moi ortodoxo, certo, non fundamentei a base do meu toureo nun toureo fino ou elegante porque ao mellor eu buscaba unha pelexa ou un desafogo para sacar algo de min como un puñal que me estaba a martelar no peito día a día.
Falaches de entregarte e estamos en Pontevedra onde ti moitas veces fuches adorado e ovacionado, pero a túa última aparición aquí non foi a mellor. Fúcheste un pouquiño amargo.
A do último ano "foi posiblemente a peor tarde que tiven en Pontevedra, pero iso non borra todo o que eu fixen nesta area nin que deixe de sentirme agradecido con esta praza"
Se, quizais non poida ser unha escusa o que me aconteceu, pegoume un touro unha cornada en La Línea, e a cornada en si non foi tan grave, o que pasou é que me provocou unha escordadura de grao dous no xeonllo dereito para o que che aconsellan un mes de repouso. Eu perdín a corrida de Vitoria e algunha máis e reaparecín en A Coruña. Foime moi ben, cortei dúas orellas, encontreime moi ben coa corrida de Matilla, logo en Huesca tamén estiven moi a gusto cun touro e ao mellor confieime en exceso pensando que xa estaba de todo recuperado. Hai unha cuadrilla que depende de min, que teñen fillos, hipotecas e eu non podía deixar pasar a tempada en branco, porque eu ao mellor teño a vida resolta, pero eles non, eles dependen de min, así que eu anticipeime á miña recuperación e, como facemos os toureiros, tirei de galadas, tirei de corazón e dixen "padiante" co xeonllo como sexa e foi posiblemente a peor tarde que tiven en Pontevedra, pero iso non borra todo o que eu fixen nesta area noutros anos e sinceramente para min non significa nin moito menos que eu a esta praza déixea de querer ou deixe de sentirme agradecido con ela, como o sentirei eternamente polo que fixeron por min sempre que vin.
Estamos nun momento complicado para o mundo do touro. Un momento complicado polas prohibicións nalgunhas partes como Cataluña e os intentos noutros lugares, por manifestacións realizadas tamén aquí en Galicia, acusando as corridas de touros de brutalidade, reclamando a prohibición da festa, que se non é cultura ou arte, se non maltrato animal, ti que terías que dicir a todo iso?
"Hoxe en día está de moda dicir "son antitaurino" como nos anos 70 estaba de moda dicir "son hippy", é algo que queda moi ben nalgúns círculos"
Eu creo que é un debate que non ten sentido. A min non me van cambiar a miña idea do que sento ou o que é para min o toureo, como tampouco eu vou cambiar a idea destes señores que non o aceptan ou non o admiten, non é a miña intención. Para falar de algo hai que falar con autoridade, con coñecemento. Eu non podo falar de enerxía ou de matemáticas, porque non teño nin idea, para que vou falar de cousas que non entendo? Para falar con fundamento debes de coñecer o que é o touro no campo, a crianza do touro, o coidado do touro, como a xente do touro mimamos a ese animal, cantas hectáreas están destinadas á crianza dese animal, como é a súa vida, cantos impostos pagamos a xente do touro, cantos postos de traballo damos. Hoxe en día está de moda dicir "son antitaurino" como nos anos 70 estaba de moda dicir "son hippy", é algo que queda moi ben nalgúns círculos sociais, ou políticos, ou modernos, que eu non admito pero tampouco son quen para dicirlles que non están no certo. Eles teñen a súa idea e eu teño a miña. Se eles non queren ir que non vaian, eu non os obrigo a que veñan.
A última. Hai Manuel Díaz para tempo?
De momento este ano cumpro 20 dende a miña alternativa. Aínda me queda pechar o meu círculo como profesional, e non porque eu sexa un home ambicioso ou porque crea que hai que aproveitar ata o final, senón porque a miña vellez mo vai agradecer se son capaz de irme disto despois de pechar ese círculo persoal, o cal espero facer con dignidade e que en moitos anos recorde todas as vivencias que tiven nesta profesión.