O Culturgal une a concellos de todas as cores políticas nas propostas patrimoniais da Deputación
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
35 concellos dos 59 da provincia de Pontevedra, excluíndo Pontevedra e Vigo, participarán na caseta que a Deputación Provincial terá na Feira das Industrias Culturais "Culturgal", que se desenvolverá desde o venres 2 ata o domingo 4 no Recinto Feiral do Pazo da Cultura. O deputado de Cultura, Xosé Leal, manifestaba este mediodía que neste apartado non existe un boicot por parte dos concellos gobernados polo Partido Popular. Indica que hai algún goberno díscolo pero Leal sinala que "eu pórtome ben con eles e eles tamén participan do que organizamos. Non existe boicot. A min non me boicotean".
Neste sentido sinalou que, este ano, a Deputación centrarase na difusión do Patrimonio da provincia e apuntou que hai concellos moi sensibilizados con este tema e afirmou que os que non o están contan cun acicate neste evento para entrar nesta dinámica de fomento do patrimonio cultural, turístico e económico. Indicou que desde a institución provincial trasladouse información a todos os gobernos da provincia para que participasen na caseta da Deputación co obxectivo de que se coñezan as súas programacións.
O deputado de Cultura presentaba as propostas que a Deputación Provincial presentará na edición deste ano no Culturgal. Elaborouse un mapa do patrimonio da provincia no que se seleccionaron os principais atractivos e durante o fin de semana levarán a cabo 15 micropresentaciones de cinco minutos nas que se presentarán algunhas das propostas, como o que se iniciará o sábado ás 13.00 horas co humorista Carlos Blanco, que falará sobre a ruta dos Cons na Illa de Arousa.
Paula Cabaleiro será a comisaria xunto a Antón Sobral, da exposición Pegadas na Terra que se presentará no Culturgal e que se manterá aberta ata o 8 de xaneiro. Nela poderase ver a unión entre a arte e a natureza coa utilización de elementos orgánicos. Neves Seara utilizará restos do incendio de Castro Baroña para sensibilizar ao espectador e será unha das 18 propostas que se poderán gozar nesta mostra.
A Deputación tamén presentará o libro 'Repente Galego' sobre as improvisacións en verso en Galicia. Será o domingo ás 11.30 horas. Carlos Alonso, presidente da asociación Oral de Galicia, sinalou que as regueifas son pioneiras nesta modalidade compositiva e un antecedente do rap actual.
Relacionadas:
-
Un ano enteiro para dar a coñecer o patrimonio de Pontevedra
Por Cristina Saiz & Natalia Puga |
-
Xosé Manuel Budiño, prato forte da segunda xornada do Culturgal
Por Mónica Patxot |
-
Máis de 150 actividades para todos os públicos no Culturgal
Por Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Abre as portas o Culturgal, tres días co mellor da cultura galega no Recinto Feiral
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Os protagonistas da cultura de Pontevedra, de Culturgal ás redes sociais
Por Redacción |
-
Budiño celebrará en Pontevedra o vixésimo aniversario do seu primeiro disco
Por Redacción |
-
Chega a novena edición de Culturgal, "manifestación do orgullo galego contemporáneo"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |