Un Nagai renovado presenta "II", o seu novo traballo discográfico
Por Alejandro Espiño
Con máis rock que nunca regresa a banda pontevedresa Nagai. O seu novo disco, titulado II, sae á venda este mesmo xoves 24 de novembro. Trátase dun traballo que este grupo de blues-rock realizou entre Pontevedra e Nova York e co que evolucionaron cara a un son máis contemporáneo, sempre aderezado co sabor do blues.
Cinco anos despois do seu primeiro disco, que cultivou importantes premios como o Xuventude Crea 2012, a banda volve renovada, explorando terreos máis próximos ao rock, con riffs potentes e pasaxes intrincados de guitarra, pero sen esquecer as súas raíces blues, achegándose mesmo ao jazz máis funky.
Así ocorre, por exemplo con en o tema que dá nome ao seu primeiro videoclip, Mi vida en un mostrador, que xa está dispoñible a través das redes sociais
O novo disco foi masterizado en Nova York por Alan Douches, coñecido polos seus traballos con Motorhead, Fletwood Mac ou Pete Townsend, e gravado entre o Local de Música de Pontevedra e o estudo propio de Nagai.
Con preto de seis anos de vida, a banda formada por Nagai Rosales (guitarra e voz), Pablo Hofkamp (batería), e Héber Cudilleiro (baixo), conseguiu facerse oír na escena local, pero sobre todo nas redes sociais, onde coa súa orixinalidade, e as súas letras en castelán puideron facerse cun bo número de seguidores en América latina.
O disco poderase comprar a través de http://nagai.bandcamp.com, e estará dispoñible tamén en todas as plataformas dixitais como Spotify, Apple Music ou iTunes.