Filosofía para estimular "a asfixiante pasividade"
Por Oskar Viéitez
A Aula Castelao presentou a Semana Galega de Filosofía que se celebrará entre o 1 e 5 de abril, este ano no Teatro Principal, de Pontevedra, dedicada a pensar o concepto de memoria.
A Semana cumpre trinta anos, motivo polo que esta edición irá acompañada dunha exposición na Casa das Campás dos carteis e trípticos que constitúen a súa historia. Coa presentación ábrese o prazo de matrícula para a inscrición: a homologación provisional da Xunta de Galicia e a da Universidade de Vigo están concedidas.
Carlos Calviño, director da Aula Castelao, comentou que este ano "preténdese enarborar o antídoto da memoria nunha sociedade paralizada polo esquecemento", co fin de estimular "a asfixiante pasividade" social fronte aos acontecementos deste último lustro.
"Preténdese enarborar o antídoto da memoria nunha sociedade paralizada polo esquecemento"
O programa deste ano conta coa participación de reputados poñentes, galegos e foráneos, que abordarán ese espazo de xeito multidisciplinar: dende a filosofía, psicoloxía, antropoloxía, arquitectura, economía, dende o pensamento político e de xénero ou mesmo dende a literatura.
Contarase, logo, coa presenza de Manolo Rivas ou Camilo Nogueira. Pero tamén de Bruno Groppo, director do Centro Nacional de Investigación Científica de Francia (CNRS) entre outros cargos e funcións- e, intelectualmente, investigador dos movementos sociais e políticos excluídos ou derrotados no século XX. José Barata-Moura, dende Lisboa, adicado á filosofía política.
Por outra banda, "dende un radical presente", Miren Etxezarreta, Doutora en Economía pola Universidade de Barcelona e pola London School of Economics, analizará as estratexias de esquecemento do capitalismo para reconstruír a historia ao seu gusto e interese. Aurora Marco, especialista en Lingua, Literatura e Xénero e galardoada recentemente co Premio Mestre Mateo por Las silenciadas, filme dirixido por Pablo Ces pero documentado nas súas investigacións, achega, dende os textos escritos por mulleres exiliadas durante o franquismo.
Ademais, e entre outros, Manuel Fernández Blanco, psicólogo e psicoanalista, ou Manuel Cruz, filósofo activo mediáticamente.
Ademais prosegue a colaboración entre a Aula Castelao e a Fundación Paideia da Coruña onde se organizarán as Sesións Especiais ás que acudirán o filósofo (e cantautor) portugués Barata-Moura e a xuíza e articulista Manuela Carmena (martes e xoves, respectivamente, ás 20 horas).