Fin de semana de moito cinema no Curtas Armadiña de Poio
Por Redacción
Xa está todo preparado para que o Casal de Ferreirós acolla desde o 18 ao 20 de novembro a segunda edición do festival de curtametraxes de Poio, o Curtas Armadiña.
Este ano, o festival ofrece dúas seccións. Na oficial preséntanse curtametraxes dun máximo de 20 minutos realizados con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2015 rodados en linguas oficiais en España. Na sección de memoria histórica terán cabida os proxectos audiovisuais dun máximo de 30 minutos realizados con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2013, subtitulados ao galego ou ao castelán.
O festival comezará o 18 de novembro a partir das 19.00 horas cunha conferencia sobre as orixes do cinema en Galicia a cargo de Severiano Casalderrey. A continuación proxectarase Miss Ledya, obra de Xosé Gil, considerada o primeiro filme de ficción galega. Casalderrey poñerá música en vivo á proxección. A película conta a chegada de Miss Ledya Katson e do seu tío, procedentes de Estados Unidos, a Pontevedra e a súa visita á Illa da Toxa. Entre os figurantes atópase o escritor galego Alfonso R. Castelao.
A partir das 22.00 horas dese venres 18 proxectarase o primeiro grupo de curtametraxes: Nebra, Un día perfecto, Kataneta, Cuenta con nosotros, La niña que notaba algo raro, Vida en Marte, reStart, Abre fácil, Postales e 77K.
Durante o sábado, o festival ofrecerá dúas sesións. A partir das 19.30 horas, as obras proxectadas serán MMM, Preso de Guerra, ¿Cuánto pesa un oso polar?, Sen palabras, La habitación, Share o no share e Mírame.
A partir das 22.00 horas, os asistentes poderán ver Todos los Santos, Sr. X, Una vez, 1 minutito, Criaturitas, Propiedad privada, Visados, Saying, Gótico Pi, Ladrones de tiempo e Macho alfa.
O domingo, durante a tarde proxectaranse Al llau del pozu, Lurna, El préstamo, Love is in the air, Un lugar, Monstruos, El trastero e Cartas a Superman.
A partir das 19.30 horas, coa presentación da actriz Bea Campos, iniciarase a gala de premios. O gañador obterá o Áncora Castelao, premiado con 300 euros á mellor obra de memoria histórica; o Áncora de Ouro, galardoado con 500 euros e o Áncora de Prata, concedido polo público, dotado con 250 euros.