Vilagarcía acolle a I Festivala "Mulleres creando"
Por Redacción
Vilagarcía de Arousa é o lugar escollido para levar a cabo a I Festivala "Mulleres creando", unha iniciativa organizada pola asociación galega O soño de Lilith co fin de visibilizar o papel da muller como creadora en diferentes eidos. Este é precisamente un dos obxectivos da entidade, que traballa en prol da erradicación da violencia machista exercida contra as mulleres en calquera da súas formas, violencia física e psicolóxica, institucional, económica, laboral e simbólica.
Un obxectivo ambicioso, como o propio programa desta I Festivala que terá lugar o sábado 26 de novembro en Fexdega. A partir das 12:00 horas e até a madrugada daranse cita no recinto feiral de Vilagarcía multitude de propostas, como unha feira de artesanía nas que mulleres creadoras de toda a provincia de Pontevedra achegarán os seus traballos en múltiples disciplinas: ilustración, pintura, alimentación, asociacionismo, deseño e moda etc.
Ademais haberá presentacións, como a do libro "No es país para coños" a cargo da súa autora, Diana López Varela, que estará acompañada de Enconarte producións, encargados de levar adiante unha peza de microteatro baseada na obra. Será ás 12:30 horas e ás 17:00 presentarase "A violencia dun sorriso" do colectivo Implicadas no desenvolvemento cun recital poético a cargo da súa presidenta, Susana Sánchez Aríns. A infancia tamén terá o seu oco neste Festivala.
Ás 12:30 e ás 17:00 horas haberá un obradoiro infantil sobre o papel das mulleres na arte e a súa invisibilización a cargo de Sol R. Gil, licenciada en Belas Artes e experta en arte terapia. Pensado para nenos de 6 a 14 anos, o obxectivo da actividade será gozar da arte empregándoa como ferramenta para o fomento da igualdade.
MÚSICA E CINE PARA PASALO BEN
Ademais de visibilizar o papel da muller e loitar contra as violencias machistas, a cita pretende ser un día de festa e diversión, tal como reflicte o propio lema da Festivala: "Se non podo bailar, a túa revolución non me interesa", cita de Emma Goldman, unha das pioneiras na loita pola emancipación da muller.
Por iso a música terá un papel esencial. Ás 18:00 a proxección do documental MGK servirá para presentar o proxecto "Mulleres Galegas Kañeras", que pretende dar visibilidade ás artistas galegas na música rock, heavy e metal que se fai nesta terra, potenciando e reivindicando a figura da muller neste ámbito musical.
A música, propiamente dita, empezará a soar ás 13:45 horas coa sesión vermú a cargo do grupo de percusión tradicional galega As Punkiereteiras e ás 19:00 h darán comezo os concertos, nos que xa están confirmados os grupos Trême, formación creada por Sú Garrido e Margarida Mariño en 2014 con influencias que van dende a bossa nova ata o trip hop; Moun Qup, o proxecto en solitario da cantante francesa Camille, ou Bala, o grupo de Ánxela Baltar e Violeta Mosquera cuxo primeiro álbum, Human Flesh –un disco furioso cheo de stonner rock, grunge, metal e pop– foi todo un éxito e levounas de xira polos principais festivais de España e Europa.
A todo isto hai que engadirlle un Ciclo de Cine Feminista que terá lugar no Salón García en colaboración co Cine Clube Ádega, e no que se proxectarán filmes como Rosetta –con motivo do Día Internacional contra as Violencias Machistas– ou El viaje de Carla, polo Día Internacional dos Dereitos Humanos, ademais dun obradoiro de Stop Motion para maiores de 15 anos impartido por Illa Bufarda, que terá lugar os días 16 e 17 de decembro.
Nesta xornada e baixo o título "Sexy! Sexy? O tratamento do corpo das mulleres nos medios de comunicación, organizarase un obradoiro de creación dunha curtametraxe en stop motion "traballaremos xunto cos mozas e mozas a hipersexualización dos corpos da mulleres nos medios de comunicación". A curta desenvolvida nesta iniciativa será proxectada o 8 de marzo no Salón García de Vilagarcía de Arousa.