LoboCoxo celebra o seu terceiro aniversario pasando medo
Por Redacción
O espazo LoboCoxo de Bueu leva tres anos organizando actividades enfocadas á animación á lectura, ao lecer e á formación artística do público infantil e, para celebralo, este martes 1 de novembro organizou unha sesión de contos de medo. Durante a fin de semana, os promotores de LoboCoxo, a mestra e narradora Olalla González e o artista plástico Marc Taeger, xa organizaran un contacontos especial para bebés.
A sesión de contos deste martes, coincidindo co Día de Difuntos, organizouse no Bar Camerino, situado diante de LoboCoxo na avenida Montero Ríos, e incluía un sorteo de agasallos, torta de aniversario e moitas sorpresas para pequenos e maiores. Dende LoboCoxo invitaban a acudir disfrazados a estes encontros, con motivo da benvida ao outono e dos tradicionais días de todos os santos e dos defuntos, e asi o fixeron unha boa parte dos asistentes.
Con motivo deste terceiro anivesario, LoboCoxo tamén aproveitou para facer balance das actividaes impulsadas nos seus primeiros anos de vida, nos que lograron ser un espazo de referencia na bisbarra do Morrazo en materia de infancia e de educación, así como en asesoramento e apoio ás familias. Obradoiros de ilustración e de plástica creativa, sesións de animación á lectura para nenos de todas as idades, encontros con autores e ilustradores que presentan os seus libros, roteiros literarios en contacto coa natureza, materiais de lectura e xoguetes, charlas de formación para pais e persoal docente... son algunhas desas iniciativas.