A curtametraxe pontevedresa 'Lurna' acada o premio á Mellor Actriz en Hendaia
Por Redacción
A curtametraxe Lurna logrou un importante galardón no Hendaia Filme Festival, o prestixioso certame que se celebra en Francia. A protagonista da película, a actriz senegalesa Diaryatou Daff, obtivo o premio á Mellor Actriz pola súa interpretación dunha muller inmigrante. A distinción obtívose na selección internacional fronte a trinta obras finalistas de gran calidade procedentes de países como Francia, Serbia, España, Colombia, México, India, Rusia ou Estados Unidos.
Lurna é un traballo fílmico do cineasta guardés, fincado en Pontevedra, Nani Matos, que comezou a súa distribución no mes de abril e que, ata o momento, leva 25 seleccións para participar en diversos festivais e seis premios. Esta curtametraxe rodada principalmente en Pontevedra e tamén en Caldas de Reis xa se puido ver en Colombia, Chile, Bolivia, México, Italia, Estados Unidos, Francia e, en vindeiras datas, en Kenya.
A actriz protagonista, Diaryatou Daff, foi descuberta polo director Alejandro González Iñárritu e compartiu cartel con Javier Bardem en Biutiful. A intérprete senegalesa tamén participou na curta Aquel no era yo de Esteban Crespo, que lograba o Goya á mellor curtametraxe de ficción en 2012 e foi candidata ao Oscar.
Na repartición de Lurna aparecen outras caras coñecidas como Humy Donado, Xavier Deive, Luís Iglesia, Santi Prego, Yelena Molina, Machi Salgado ou Xosé Manuel Esperante. A película de Nani Matos fora estreada no mes de xaneiro no Teatro Principal de Pontevedra con gran éxito de público e crítica.