A Casa da Cultura de Ponte Caldelas acolle durante este mes obras da pintora Irene Silva
Por Redacción
Mariscadoras, campesiñas, bañistas ou pandereteiras adoitan ser as protagonistas habituais nas teas de Irene Silva. Ao longo deste mes de outubro, os seus traballos poden verse na Casa da Cultura de Ponte Caldelas.
Alí, a pintora de Baiona ofrece unha exposición baixo o título 'Figurando pensamentos', unha selección das imaxes prendidas na memoria da pintora, esencias e emocións que interpreta a través de figuras, trazos e cores, con escenas nas que a muller adoita ser protagonista. O Centro de Información á Muller do municipio colaborou, por este motivo, coa organización desta mostra.
O fío condutor é a muller no seu traballo cotián, a súa forza, a súa beleza e a súa naturalidade positiva e libre, interpretada e filtrada a través da mirada desta artista.
Ao acto de inauguración asistiu o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, que adiantou que ao longo dos próximos meses desenvolverase na Casa da Cultura unha conferencia sobre Xosé Neira Vilas, unha exposición con motivo do centenario do nacemento do escritor e xornalista Manuel Lueiro, a celebración do Día da Biblioteca e tamén unha feira de artesanía.