Castelao "pokemízase" cunha APP gratuíta creada para público infantil
Por Redacción
A figura de Castelao adáptase aos móbiles e ás novas xeracións. Igual que Pokemon converteuse nun referente para a mocidade a través da aplicación Pokemon Go, a Deputación de Pontevedra quere que o ilustre galeguista sexa coñecido con facilidade polos máis pequenos.
Deste xeito, presentou unha aplicación educativa destinada ao público infantil e poderá descargarse de maneira gratuíta desde a páxina da Deputación baixo o título 'As viaxes de Castelao'. Esta APP foi creada pola empresa pontevedresa CreappContos con ilustracións de Víctor Rivas.
O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, afirma que con esta aplicación se introduce un recurso para a infancia para, a través das novas tecnoloxías e dunha forma lúdica, se poida acceder á figura de Alfonso R. Castelao.
Os escolares logran, con esta aplicación, interactuar coa obra do autor de Rianxo e, desta forma, crear escenas, construír historias e resolver crebacabezas sobre as principais etapas da vida de Castelao.
Esta iniciativa xorde no contexto do Ano Castelao e poderase utilizar en tabletas, ademais de en dispositivos Apple.