Wismichu, en Pontevedra: o 'youtuber' galego triunfa co seu novo espectáculo
Por Redacción & Diego Torrado
Se nos referimos a Ismael Prego, posiblemente moitos non saiban de quen estamos falando. Pero se lle chamamos polo seu nome artístico xa non haberá dúbidas. Wismichu, un dos youtubers máis coñecidos do panorama nacional, presentou este sábado en Pontevedra o seu novo espectáculo de humor e, tal e como se prevía, cun éxito absoluto.
Centos de persoas, na súa maior parte adolescentes, fixeron que Afundación practicamente colgase o cartel de non hai entradas xa por adiantado. E é que o poder de convocatoria de Wismichu está fóra de toda dúbida. Os seus espectáculos triunfan alá onde van e Pontevedra non foi unha excepción.
Non é para menos, porque o youtuber coruñés ten case 4,7 millóns de subscritores en Youtube e máis de millón e medio de seguidores en Twitter.
Aos seus 24 anos é un dos creadores máis coñecidos en España e Latinoamérica, un camiño percorrido desde que en 2012 subiu o seu primeiro vídeo a YouTube e agora decidiu levar o seu estilo provocador, intelixente, creativo, perfeccionista e divertido aos escenarios.
Na canle de Wismichu predomina o humor gamberro e esa mesma actitude tívoa sobre o escenario do auditorio de Afundación de Pontevedra, cun espectáculo en directo que estivo cheo de risas, provocación, orixinalidade e moita interacción cun público totalmente entregado ao seu ídolo.
En Pontevedra, Wismichu estivo acompañado dos seus compañeiros de xira, JoaquinPutoAmo e Kajal Napalm.