Kalimba, da Escola de Música de Sanxenxo a dar o seu primeiro concerto
Por Redacción
Ensemble de Percusión é unha das materias que se imparten na Escola de Música Municipal de Sanxenxo. Ensina os seus alumnos a tocar todos os instrumentos de percusión, a formar parte dun grupo, dunha familia musical.
Esta materia é a orixe de Kalimba, un grupo de percusionistas formado por alumnos que contan con idades comprendidas entre 10 e 15 anos.
Alberto Rodríguez Montes, Adrián Aguín Doval, Diego Morgade Camiña e Heitor Lema Casal pasaron o verán ensaiando para o que será o seu primeiro concerto fóra das instalacións do Pazo. Será o xoves 29 de setembro na Sala Nauta, ás 20.00 horas.
Alberto, un dos compoñentes de maior idade, resta importancia a que sexa a primeira actuación fóra da Escola. Basicamente porque todos os membros de Kalimba participan na Banda de Música de Sanxenxo. "Estamos afeitos actuar diante de xente. Imos sentirnos seguros. Ademais xa tocamos nalgunha actuación ao finalizar o curso".
As horas de clase na Escola de Música non lles restan ánimos para ensaiar outro tipo de ritmos fóra das aulas. "Isto é diferente. Estudamos por libre unhas partituras que nos gustan máis", explica Alberto Rodrigo. E con Kalimba foxen de temas clásicos e achéganse a ritmos máis dinámicos, como o pop ou bandas sonoras coñecidas.
Precisamente unha banda sonora foi a orixe de Kalimba. Elixiron a dun coñecido vídeo xogo, Mario Bros, e tras unha pequena adaptación apoiada por un programa específico para facelo con computador xurdiu a primeira partitura que estes pequenos músicos comezaron a estudar.
"O bonito do grupo é que tocamos o que nos apetece, o que nos gusta e pasámolo ben porque estamos os compañeiros de sempre, os que imos xuntos ás clases de Ensemble de Percusión", apunta Alberto Rodrigo, que destaca tamén o apoio que atopan na súa profesora, que lles facilita partituras.