Os domingos pola tarde, concertos na Sala Karma: o primeiro, Los Bengala
Por Alejandro Espiño
A Sala Karma estreará este domingo 25 de setembro un novo ciclo musical que chega para enriquecer a oferta cultural da cidade. A banda de rock e garage Los Bengala serán os primeiros en actuar no marco desta iniciativa, que ofrecerá regularmente actuacións musicais nas tardes dominicais. Será, neste caso, ás 20.00 horas.
Los Bengala é un tándem formado por Guillermo Sinnerman e Borja Téllez. Presentarán directo Incluso festivos, o seu álbum debut, só con dous instrumentos e as súas voces, interpretando cancións curtas e concisas que buscan como meta o festexo de quen as escoita.
Así, os simples e poderosos acordes de Guillermo na guitarra, apoiados polos complexos ritmos de Borja e ambos a un tempo na voz principal, crean unha enerxía dificilmente resistible.
As entradas, que teñen un prezo de seis euros por anticipado e oito na billeteira, pódense adquirir en Bullit Store, O Pequeno e www.ticketea.com.
Pero para esta fin de semana haberá ademais outras dúas citas musicais.
O ciclo Los Acústicos del Pequeño recibirán este venres 23 de setembro, a partir das 22.15 horas, a Amparo Arias e Roger de Flor. A entrada é gratuíta.
Os dous irmáns e socios musicais mostran a través do seu espectáculo conxunto, destacan desde Sala Karma, a súa particular maneira de entender a vida, a música e a arte a través dalgunhas das cancións dos seus respectivos traballos discográficos, adaptacións de xoias ocultas do pop-folk e algún que outro poema musicado.
E o sábado 24, a partir das 22.30 horas, a Sala Karma acollerá unha sesión dobre que estará protagonizada pola banda egunOFF e os pontevedreses Gog y las hienas telepáticas. O seu concerto custará cinco euros na billeteira.
egunOFF, que actúa por primeira vez en Galicia, é un espléndido animal sonoro entregado á revisión áspera e teatral de clásicos do blues, o soul e o rock primigenio, coma se Johnny Cash, Nina Simone, Stevie Wonder, Nancy Sinatra, Otis Redding ou Amy Winehouse "fervesen no mesmo caldeiro", sinalan desde a dirección da sala.
Abrirá a noite o punk de Gog y las hienas telepáticas, que estrean novo traballo, un disco chamado Choke/Drawn.