A discapacidade "visible e invisible", protagonista do IV Festival das Núbebes
Por Diego Espiño
O Festival das Núbebes desvelou este martes a programación da súa cuarta edición, na que se inclúen varias novidades.
Teatro, contos, danza, música, talleres ou dúas conferencias a cargo do coñecido pediatra Carlos González compoñen a ampla programación do festival de artes escénicas para bebés, que este ano prestará especial atención á discapacidade "visible e invisible", sinalou Andrea Bayer na presentación de Núbebes.
Desta forma asociacións como Amencer, Down Xuntos, Anedia ou ASEII impartirán diversas actividades e charlas, dirixidas tamén a profesionais.
Núbebes "naceu pensando en traballar cos maís pequerrechinos, de 0 a 3 anos", lembrou a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces. Eles serán os protagonistas absolutos dunhas actividades que arrincarán o venres 16 de setembro e prolongaranse ata o día 25, durante dúas fins de semana.
A maioría dos talleres e actividades serán de balde, aínda que algúns dos espectáculos contarán cunha entrada de 3 euros, que se poderán retirar o mesmo día de 10:00 a 13:00 horas para os espectáculos de mañá e de 16:00 a 19:00 horas para os de tarde. O despacho de billetes estará instalado no Teatro Principal salvo o día 25 de setembro, cando se trasladarán todas as actividades ao Pazo da Cultura pola coincidencia pola cita electoral.
A cuarta edición do Festival das Núbebes conta un novo espazo, o Palacete das Mendoza, que se suma ao Teatro Principal, Casa das Campás, Casa da Luz e Pazo da Cultura.