Unha exposición de Pedro Millán abre a nova tempada cultural do Ateneo Santa Cecilia
Por Redacción
Unha exposición pictórica de Pedro Millán serviu como punto de arranque das actividades culturais do Ateneo Santa Cecilia de Marín. A mostra poderase visitar ata o 16 de setembro.
No apartado musical, ao redor de 60 escolares comezarán esta semana as clases da Escola de Música do Ateneo Santa Cecilia, que se impartirán nas instalacións da Leira de Briz e no propio local do Ateneo. O domingo 18 de setembro ás 19.00 horas, estes mozos músicos ofrecerán un concerto de inicio de curso na Alameda. O domingo 25 de setembro, ás 18.00 horas, tamén ofrecerán unha velada musical os compoñentes da Banda de Música do Ateneo. En caso de choiva, os actos trasladaranse ao Multiusos anexo á Praza de Abastos.
Ademais, o Ateneo organizará un encontro con representantes doutras entidades culturais galegas que se dedican á recuperación de 'danzas brancas' na véspera da Danza de Espadas de Marín.
O próximo 9 de setembro retómanse os 'Venres do Ateneo' con dúas actividades. Ás 20.00 horas levará a cabo unha conferencia da marinense Ana Acuña, profesora de Lingua e Literatura Galega na Universidade de Vigo, que analizará o legado do xornalista Raimundo García Domínguez "Borobó", con motivo do centenario do seu nacemento. Ás 21.00 horas, o pallaso galego Peter Punk representará os espectáculos 'Chungo ke che cagas' e 'A Chungatrona' para todos os públicos. En próximas semanas tamén actuarán a actriz Isabel Risco ou o humorista Pedro Brandariz.