"El Nacional", a última obra de Albert Boadella ao frente de Els Joglars, chega a Pontevedra
Por Redacción
El Nacional, a montaxe teatral coa que o director Albert Boadella despídese de Els Joglars tras máis de cincuenta anos ao frente da compañía, representarase en Pontevedra. Será no Centro Social Novacaixagalicia os próximos martes e mércoles, 16 e 17 de outubro, ás 20.30 horas. ÿ a primeira das representacións deste espectáculo en Galicia, nunha xira que os levará tamén a Vigo, o venres 19 e o sábado 20 de outubro.
En El Nacional, obra galardoada co Premio Nacional de Teatro, Boadella sitúanos perante un contexto de realidades difíciles. Nesta obra, don José, o sempiterno acomodador do antigo Teatro Nacional de ÿpera, agora practicamente abandonado, proponse representar Rigoletto, considerado por el como o símbolo do teatro, un oficio de bufóns, xograres e pallasos, que nada ten que ver cos artistas histriónicos, intelectuais e realistas que, na súa opinión, dexeneraron a profesión.
Para conseguir materializar as súas fantasías, don José rodéase dun grupo de indixentes que se prestan a seren utilizados no proxecto a cambio de teren acubillo dentro das ruínas do edificio. Ao seren algúns destes indixentes músicos que tocan no metro, formarán parte da orquestra que acompañará as distintas arias da ópera, interpretadas por unha señora da limpeza que foi quen de as memorizar mentres sacaba brillo a chans, paredes e escenarios.
As dificultades para dirixir o grupo, a asimilación do argumento de Rigoletto entre o seu delirio ou as intervencións exteriores para desaloxar o local son algúns dos conflitos que don José deberá afrontar. Pero a súa resistencia para aceptar a realidade dun mundo que xa funciona sen o teatro conducirao a un desenlace numantino, acompañado polo canto e a música do Rigoletto de Verdi.
Els Joglars, cincuenta anos de teatro crítico
Máis de cincuenta anos de existencia, milleiros de representacións de trinta e catro obras teatrais en máis de vinte países de Europa e América, á parte de producións para televisión, cine ou varios libros e estudos. ÿ un resumo do traballo de Els Joglars, que desde a súa fundación no ano 1961 aposta por un teatro crítico directamente relacionado coa realidade circundante, o cal, por veces, os converteu en centro de certas polémicas.
A historia deste grupo avanza en paralelo á busca constante da construción dunha linguaxe teatral, partindo da escola do mimo clásico ata a incorporación de todos os elementos dramáticos posibles, cunha fórmula de traballo baseada na artesanía colectiva e cooperativa dunha grande implicación persoal e profesional, que proporciona un método de traballo vivo e en permanente evolución.
A sala de ensaio de Els Joglars, unha cúpula xeodésica situada no medio dun bosque a cen quilómetros de Barcelona, é un privilexiado observatorio que facilita unha visión profunda sobre os mecanismos de perpetuación do poder en diferentes ámbitos e facetas, o gran tema de Els Joglars.
As entradas para El Nacional están á venda en www.servinova.com ou ben na billeteira telefónica no 902 504 500.