Premio literario en Chile para unha nova promesa pontevedresa
Por Redacción
O escritor pontevedrés Marcus-Daniel Cabada gañou o Premio Internacional 'Narrador estratega' da Asociación Cultural Café Trece Leguas de Chile coa súa obra Desagravio de la derrota, unha colección de relatos publicada este ano.
Un xurado composto por poetas, escritores, xornalistas e filólogos concedeulle o máximo recoñecemento a este mozo de Poio de 20 anos entre case un centenar de autores en lingua hispana e de sete países que se presentaron.
A obra premiada, Desagravio de la derrota, é unha colección de relatos que vira ao redor dos matices existenciais da derrota da que o portavoz da asociación destacou "a intelixencia dunha narración que, a maioría de veces, latexa sobre dous núcleos: a procura de erosión continua entre a supremacía do ser e a súa propia psicoloxía".
O xurado fixo mención especial no seu fallo aos contos Metafísica del fantasma, Estética del desaparecimiento e Infamia de las bibliotecas e quixo recoñecerlle ao autor a "capacidade de crear unha literatura sólida, cousa que se agranda excesivamente para a súa idade e, con maior razón, nos tempos actuais".
Atribúenlle unha "escritura propia de calquera escritor experimentado, non tan novo" e sosteñen que "sen dúbida dará que falar nas letras non só hispánicas, senón universais". Marcus-Daniel Cabada acumula xa media decena de premios nacionais e internacionais en toda a súa traxectoria.
Marcus-Daniel Cabada é autor da novela lírica Triste escarlata ('Premio Jóvenes Promesas de las Letras 2013' 'Premio Internacional de Novela Experimental Charlotte Sabine 2014'), da colección de relatos Desagravio de la derrota e de contos, poemas e ensaios premiados por diversas revistas e editores, como El caso 42 (Premio X. Contra a Violencia de Xénero) ou El otro laberinto (Premio Continuación JLB 2012).