Rozalén: "O público que veña a El Náutico vai vivir un concerto íntimo pero moi bonito"
Por Alejandro Espiño
Dúas guitarras acústicas, Rozalén e unha tradutora á linguaxe de signos. Serán as catro persoas que este xoves suban ao escenario do Náutico de San Vicente do Mar (O Grove) nun concerto que a propia artista cualifica como "único e xenial". Desde hai anos, a artista albaceteña non falta no cartel estival da sala, pero será a primeira vez que presenta o seu proxecto en solitario sen a compañía de Paco Cifuentes.
Antes deste concerto, PontevedraViva falou con ela. Rozalén promete que será unha actuación singular porque "quería romper un pouco coa dinámica das xiras e facer algo que unha parte do meu público me viña solicitando, que é un concerto máis íntimo". Asegura que é algo que apenas fai "e botábao de menos", polo que promete que os que asistan ao seu concerto no Grove "van vivir algo case único".
Volves un ano máis ao Náutico. Que ten o local que tanto che atrae?
É un sitio especial. Cando vas alí ves que está cheo de músicos que van tocar e quedan uns días. Ese ambiente é máxico. E ademais trátante moi ben. A primeira vez que fun díxenlles que adoraba as navallas e agora, cada vez que vou, hai navallas para parar un tren (ri). E por suposto, o sitio no que está é un paraíso. Teno todo.
E ademais sempre conectaches moi ben co público galego...
É que quen non se namore de Galicia ten un problema de sensibilidade. Foi un dos primeiros sitios aos que vin tocar e aquí a xente é súper 'bonica' e teñen unha maxia especial. A verdade é que me encanta actuar nesta terra.
Que imos ver neste novo concerto en Galicia?
É a primeira vez que veño eu soa co meu proxecto, porque as outras veces actuaba xunto a Paco Cifuentes. Agora acompáñanme dous guitarristas e unha intérprete de signos. Vai ser algo íntimo, pero moi bonito. Tiña moitas ganas de facer algo así. Quería romper un pouco a dinámica das xiras. É algo que apenas fago e botábao de menos.
Coñecímoste en 2013 co teu primeiro disco. Como é a Rozalén que nos imos a atopar tres anos despois?
"Eu sigo namorada da vida, pero falo das cousas dunha forma máis intensa porque vexo a vida doutra forma. Quizá sexa máis crítica e máis irónica"
Pois son un pouco máis maior (ri). A miña música é un pouco máis madura. Eu sigo namorada da vida, pero falo das cousas dunha forma máis intensa porque vexo a vida doutra forma. Quizá sexa máis crítica e máis irónica. Pero a esencia é a mesma. Iso non o cambio.
Quién me ha visto, o disco co que estás a xirar agora, defínelo como máis íntimo, máis crítico e cunha maior mestura de estilos. Por que?
Abúrrenme esas cancións que falan do amor dunha forma que non é sa. Os adolescentes non necesitan oír cousas como 'sen ti morro'. Pero sobre todo creo que é importante usar a música para falar de temas importantes e máis na época na que estamos e coas cousas que vemos día a día. Temos que dedicar tempo a iso. E así me sae cada canción do seu pai e da súa nai.
Despois do éxito que lograches co primeiro disco, tiveches certa presión á hora de sentar a compoñer o segundo?
Totalmente. Co primeiro non me esperaba nada. As cancións compúxenas para min e logo deuse a posibilidade de sacar un disco. Sen máis pretensións. Agora foi diferente. E non só é a presión de terceiras persoas, que no meu caso foi levadía, o peor é a que te impós ti mesmo. Tes certo medo a defraudar e chegas a pensar que nada do que fixeches merece a pena. Ao final te dás conta de que todo o provocas ti.
Nunha das túas cancións dis que es fresca, coplera, sensible, hippy-elegante cultureta, moza lista, libre, firme e loitadora e progresistamente tradicional. Unha declaración de intencións?
O que fago nesa canción é recoller de forma irónica o que os críticos dixeron de min nalgún momento. Temos sempre a necesidade de poñer etiquetas. Pero neste disco queda claro que hai un pouco de todo na miña música. Eu escoito de todo e ao final todo iso trasládase ao que fago.
Tamén hai crítica social neste novo traballo, como en Berlín, que foi ademais a BSO da película Perdiendo el norte?
Si, nela falo do exilio dos mozos. A película falaba diso, aínda que a escena na que soa era un pouco romántica. É un tema que vivo de preto porque é a miña xeración a que se está vendo obrigada a marcharse fóra. Teño moitos amigos que se foron. É unha situación que está a vivir moita xente neste país.
Rozalén fai a música que lle gusta ou lle piden adaptarse a certos canons?
"Traballo con xente que nunca me di como teño que vestir ou o que debo dicir. Eu vendo naturalidade. Son así tal como me ves, unha tía normal e corrente"
A verdade é que teño moita liberdade. Traballo con xente que nunca me di como teño que vestir ou o que debo dicir. Eu vendo naturalidade. Son así tal como me ves, unha tía normal e corrente. Ás veces síntome en terra de ninguén. As miñas cancións soan na radio comercial e noutras máis alternativas como Radio 3. Ao final, fago o que quero e iso é o importante.
O teu primeiro disco saíu nunha época complicada para a música, pero atopaches na internet unha gran ferramenta de promoción, non?
Por suposto. Ao final non é máis que actuar diante de moita xente. E moitos deles empezaron a compartir as miñas cancións en redes sociais ou YouTube. Iso, por exemplo, abriume as portas de América, onde é alucinante ver como se saben as miñas cancións. Podía imaxinarmo aquí, pero ao velo alí te quedas tola.
E ao futuro que lle pide Rozalén?
Pois me encantaría poder vivir sempre da música. Quero cantar coa xente que me gusta, que non me falle a inspiración e traballar sobre o escenario. Estar sempre aí diante do público, non pido máis. Só o suficiente para vivir disto.