Bueu organiza un segundo pase do concerto de Carlos Núñez o vindeiro domingo
Por Oskar Viéitez
Ante o éxito de acollida na venda das 350 entradas para o concerto de Carlos Núñez, que se celebra o vindeiro domingo na Igrexa Parroquial de Bueu, que se esgotaron en pouco máis de vinte e catro horas, o Concello decidiu organizar un segundo pase para o mesmo domingo ás 23.15 horas, complementándose co que xa está previsto para as 21.30.
As entradas xa se poden mercar na web Ataquilla.com a un custe total de 13,45 euros.
Esta iniciativa, pioneira do Concello de Bueu, traerá ao artista vigués ao municipio morracense acompañado dos mesmos músicos "todoterreo" cos que se atopa de xira por toda Europa, o seu irmán Xurxo Núñez ás percusións, o seu vello compañeiro Pancho Álvarez ás cordas e o violinista e bailarín Jon Pilatzke, actualmente titular dos Chieftains.