Uxía e Narf, un concerto gratuíto na Praza dos Barcos para celebrar o Día de Galicia
Por Redacción
A Praza dos Barcos acollerá este domingo un concerto gratuíto a cargo de dous grandes da música galega, Uxía e Narf, que en xuño do pasado ano publicaron o seu primeiro disco conxunto Baladas da Galiza Imaxinaria.
O espectáculo, totalmente gratuíto, dará comezo ás 22 horas.
O Concello elixiu a noite do 24 de xullo para a celebración deste concerto de cantautores galegos como unha actuación previa ao Día da Patria Galega e fai un chamamento a veciños e visitantes para que acudan a gozar destas dúas voces, que dan forma a un proxecto que nace do talento e da sensibilidade de dous artistas que en cada balada abren portas e xanelas aos corazóns inquietos e aventureiros.
Uxía e Narf cantaron xuntos por primeira vez na primavera de 2014, nunha xira por Chile, Arxentina e Uruguai. Polo camiño, foron descubriron que as súas formas, tan diferentes, harmonizaban na sinxeleza, no gusto pola experimentación e no espírito inquieto e viaxeiro. Foi así como recrearon algunha das cancións fundamentais dos seus respectivos repertorios e outras novas que agora ven a luz.
Entre conversacións, encontros e concertos foron debuxando e compartindo a idea dun espazo emocional, que van máis aló do puramente xeográfico e no interior de moitas almas esparexidas por todo o mundo, persoas que beben necesariamente das mesmas fontes culturais, ou que nin sequera son galegas ou de ascendencia galega, habitantes da Galiza Imaxinaria.