Carlos Núñez anuncia por sorpresa un concerto en Bueu para o 31 de xullo
Por Redacción
A igrexa de San Martiño de Bueu é o escenario escollido para o concerto sorpresa que vén de anunciar Carlos Núñez. Será unha das súas escasas actuacións neste verán en pequenos lugares da terra galega. Neste caso, o concerto será o domingo 31 de xullo, ás 21.30 horas.
As entradas poñeranse á venda en Ataquilla.com a partir desta tarde a un custe de 12 euros.
Esta é unha iniciativa pioneira do Concello de Bueu, apoiada polo músico, que está convencido de que o futuro da nosa música no propio país pasa, -alén da necesaria internacionalización- pola súa independencia e por abandonar progresivamente o modelo de concerto gratuíto pagado con cartos públicos, para adaptarse aos tempos e acostumar ao público a pagar unha entrada, valorizando o patrimonio ao mesmo tempo.
O artista vigués goza igualmente de grandes macro concertos -ven de tocar en Suíza nun macro festival coas súas varios centos de miles de entradas esgotadas hai meses, xusto despois de Iron Maiden- pero asegura que aposta tamén de pequenos e non menos importantes concertos case acústicos en lugares íntimos e especiais.
Estes espazos foron aquí tradicionalmente asociados coa música clásica ou a música antiga e máis recentemente co indie, pero son lugares que sen dúbida son un verdadeiro aliciente para atraer visitantes de fóra e gozar da tradición musical galega nos lugares onde naceu.
Carlos Núñez actuará cos mesmos músicos "todoterreo" cos que se atopa de xira por toda Europa, o seu irmán Xurxo Núñez ás percusións, o seu vello compañeiro Pancho Álvarez ás cordas e o violinista e bailarín Jon Pilatzke, actualmente titular dos Chieftains.