Un festival internacional, punto de inicio da II Semana do Folclore de Bueu
Por Redacción
Músicas de todo o mundo daranse cita en Bueu nos próximos días. O Concello de Bueu, en colaboración con diversas asociacións da vila, organiza a II Semana do Folclore, que inclúe varios festivais que traen as propostas musicais máis tradicionais e internacionais para rematar o mes de xullo.
A programación comeza este venres, 22 de xullo, na Praza Massó, coa chegada do Festival Internacional, no que ensinarán a súa música o Rusava Folk Dance Group, representantes do folclore nacional da República Checa, e o grupo Burgisi de Marsala, que veñen desde a illa de Sicilia e ofrecerán as súas danzas, cantos e músicas populares.
O folclore e a música tradicional esténdense o venres 29 e o sábado 30 de xullo, co Festival Recordos e Alborada, respectivamente.
O primeiro está organizado pola Asociación Recordos da Nosa Terra, e terá lugar na Praza Massó a partir das 22 horas, contando coas actuacións do Grupo de Danzas A.C. Veciños de Leira (Ordes), da Asociación Cultural Con De Xido (Cambados) e de Recordos.
E o Festival Alborada, organizado pola Banda de Gaitas Manxadoira, será o sábado ás 22 horas, no que estará acompañando Günterwan.