A praza do mosteiro da Armenteira, escenario do primeiro festival de jazz de Meis
Por Redacción
Nace o primeiro Festival Internacional Armenteira Jazz. É unha nova proposta lúdica para a fin de semana dos próximos días 23 e 24 de xullo e na que se combina unha programación musical de calidade coa contorna privilexiada e monumental da praza do mosteiro da Armenteira.
O evento foi presentado polo alcalde, José Luis Pérez, quen destacou o reforzo na programación cultural do municipio e tamén a posta en valor deste espazo, que convértese así nun escenario natural e patrimonial no que poder gozar dun ambiente relaxado e enriquecedor.
No acto de presentación estiveron tamén presentes os concelleiros Jairo Paz e Ofelia Barral, xunto cos responsables da organización, Paco Charlín, Ines Ares, Fernando Gago, Rosendo Torres, Vicente Serantes.
A idea deste festival é combinar música e espazo, dándolle a cada parte o mesmo valor. Poucos escenarios poden ofrecer a riqueza do conxunto da Armenteira e o Concello de Meis está decidido a aproveitalo durante as noites de verán cun evento que esperan que teña continuidade no tempo e poida atraer turistas ata esta localidade.
O programa arranca na noite do sábado 23, a partir das 22 horas, coa actuación de Rosolino Marinello Quartet, grupo composto por Virxilio Dasilva (guitarra), José Manuel (contrabaixo), Max Gómez (batería) e o saxofonista Rosolino Marinello. Será o prato forte do programa coa presenza deste músico estadounidense, aínda que de orixe siciliana.
Despois do concerto, a partir das 23,30 horas haberá música ambiente de jazz e e blues e estará dispoñible un photocall para garantir o divertimento dos asistentes.
O programa do domingo desdóbrase en sesión de mañá e tarde. A partir das 12.30 horas será a oportunidade de gozar con Chivinjazz Street Band. Á noite, ás 22.00 horas, porán o peche SPJ Workshop, unha formación saída do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra e integrada por José Soares (saxo), David Puigme (batería), Felip Bermú (piano), Dani Font (guitarra) e Pablo Patiño (contrabaixo).
Ao igual que o sábado, haberá sesión de música jazz-blues ata a unha da madrugada.