Os mellores artesáns de instrumentos tradicionais cítanse no Memorial Ricardo Portela
Por Mónica Patxot
As casetas con instrumentos tradicionais procedentes de toda Galicia invaden a praza da Ferrería da man de artesáns especialistas na construción de gaitas, pezas de percusión ou zanfoñas. Constitúen un dos elementos centrais do Memorial Ricardo Portela que comezaba este venres coa apertura da Mostra de Artesáns e as actuacións de Son d'aquí polas prazas da cidade e de Cantata Vernácula na praza da Ferrería.
Durante esta xornada de sábado 9, o grupo De Virasón ofrecerá actuacións por diferentes prazas e rúas da cidade para partir do mediodía mentres que ás 19.30 horas os Gaiteiros das Rías Baixas e Ludovaina tocarán tamén en diferentes puntos do centro histórico.
A partir das 21.00 horas, a Praza da Ferrería acollerá unha homenaxe ao artesán de instrumentos musicais, Basilio Carril, nacido en Arzúa en 1914. Os seus traballos atópanse en museos de todo o mundo. A súa carreira como gaiteiro destacou co grupo Cantigas e Agarimos co que realizou xiras por Europa e América Latina.