A terceira edición do festival Bailes no Cuartel, este venres en Moraña
Por Redacción
Moraña acollerá este venres 1 de xullo a terceira edición do festival Bailes no Cuartel, unha iniciativa da asociación de nais e pais da Escola de Música Municipal, en colaboración coa Asociación Cultural Seixebra e o propio centro educativo.
O festival comezará ás 16:30 horas cos obradoiros que se celebrarán na Casa da Cultura Daniel Rodríguez Castelao.
O primeiro será o obradoiro de Xogos Bailados, a cargo de Luís Prego e dirixido aos máis pequenos. Ás 18:00 horas toman o relevo Os Cempés co taller Baile 100%, para maiores de 12 anos. A continuación, ás 20:00 horas, está programado o obradoiro Improvisación no Baile Tradicional, impartido tamén por Luís Prego e dirixido a bailadores xa iniciados.
Pola noite, esta iniciativa trasladarase á Praza do Concello, onde haberá música en directo para que os bailadores e bailadoras poidan poñer en práctica todo o aprendido nos obradoiros. Ás 21:15 horas abrirá o baile o Combo de Música Tradicional da Escola de Música e a continuación, os rapaces e rapazas de Seixebra interpretarán algunhas pezas do obradoiro de Xogos Bailados.
Ademais actuará o grupo de gaitas Os Encantiños, que se presenta en Moraña cunha nova formación. Ás 22:30 horas farán aparición no escenario Os Cempés, para interpretar o seu repertorio de agarrados e soltos e bailes participativos en roda, divertidos e doados de aprender.
En definitiva, máis de sete horas de música e baile nun festival que ano a ano se vai consolidando como unha actividade lúdica e divertida, para gozar do baile.