A obra de Manuel Lueiro Rey analízase no Pazo da Cultura
Por Redacción
Especialistas na narrativa do escritor e xornalista Manuel Lueiro Rey manteñen este xoves 19 ás 20.00 horas unha mesa redonda no Pazo da Cultura coa presentación da reedición da obra Non debían medrar.
O director de Xerais, Manuel Bragado, o crítico literario, Modesto Hermida e o responsable da edición, Ramón Nicolás, participarán nunha charla sobre a calidade literaria de Lueiro Rey, que estará amenizada coa actuación do pianista Juan Carlos Cambas e a cantante Rosa Leiro.
Esta actividade relaciónase coa exposición fotobiográfica sobre o autor, con motivo de cumprirse este ano o centenario do seu nacemento. A exposición que realiza un percorrido pola vida e a obra do escritor nado en Fornelos de Montes e falecido no Grove conta coas obras de 22 artistas plásticos.
Esta mostra pódese visitar ata o 12 de xuño e ofrece no mesmo espazo expositivo cada xoves ás 20.00 horas unha actividade cultural en relación ao escritor coa presentación de libros por parte de editoriais como Xerais e Laiovento, ademais de música, recitais poéticos e outras iniciativas que serven de homenaxe a Lueiro Rey, que garda relación coa cidade ao traballar como funcionario na delegación de Facenda en Pontevedra.