O conservatorio de música de Pontevedra celebra os seus 150 anos cunha ampla programación cultural
Por Alejandro Espiño
150 anos facendo música. Con ese lema, o Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra celebra en 2013 esta importante efemérides, "un aniversario excepcional", segundo o seu director, Luís Costa. E faino cunha ampla e completa programación cultural coa que tratará de achegar o traballo de alumnos e profesores deste centro musical a todos os recunchos de Pontevedra.
"Ningún dos que aquel 5 de marzo de 1863 inaugurou o conservatorio está xa entre nós e este aniversario e o único deste xénero que imos ver, temos que considerarnos afortunados", explicou Luís Costa. Será, dixo o director do centro, unha forma de "reiterar o compromiso do conservatorio" coa sociedade pontevedresa.
A celebración comeza co ciclo Música en tres tempos, baixo o que o auditorio do conservatorio acollerá os concertos de Keep Going Trío (7 de febreiro), o conxunto de música antiga Ars Longa (14 de febreiro) e o espectáculo Música para dous pianos (26 de febreiro).
Baixo a denominación O conservatorio na rúa, alumnos e profesores do centro protagonizarán varios concertos en diferentes recunchos da cidade como a Praza da Verdura, a Praza do Teucro ou as Ruínas de Santo Domingo, co obxectivo de achegar o seu traballo á cidadanía. Serán cinco concertos entre o 9 e o 19 de abril.
Ademais, celebrarase unha nova edición de Seráns do Conservatorio no Museo. Nel, o Sexto Edificio acollerá un ciclo de concertos de diferentes especialidades e agrupacións do alumnado, "unha tradición consolidada dentro da cultura musical de Pontevedra". En concreto, serán seis recitais entre o 14 de maio e o 4 de xuño, que se abrirá cunha entrega especial na que se interpretarán obras orixinais de compositores galegos sobre textos de poetas europeos contemporáneos a Rosalía de Castro.
Dentro deste 150 aniversario, inclúense tamén, entre outros eventos, un concerto conxunto da Filharmónica Cidade de Pontevedra e o Coro da Orquesta Sinfónica de Galicia (2 de marzo) na Basílica de Santa María, a representación de Manuel Quiroga, o musical no Pazo da Cultura (7 de maio), ou un concerto da Real Filharmonía de Galicia con alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais (13 de xuño).