Taiwan e Pontevedra, unidos a través do arte
Por Redacción
A estudante da facultade de Belas Artes Shih Chuen-An, natural de Taiwan, acaba de inaugurar en Pontevedra a súa primeira exposición individual, 'We Are Infinite', que recolle sete obras creadas por esta alumna na súa estadía na cidade.
Aínda que no seu país natal xa participara en mostras colectivas, esta é a primeira exposición individual e ten como escenario Pontevedra, a cidade á que no presente curso chegou esta estudante da National Taiwan Normal University para continuar os seus estudos de Belas Artes. Estará ata o 20 de maio.
En declaracións recollidas polo Duvi da Universidade de Vigo, a estudante taiwanesa indica que leva "moito tempo pensando en organizar unha exposición individual e facela en España" e pareceulle "unha grande oportunidade para aprender moitas cousas, para ter un intercambio con persoas de diferentes culturas, perspectivas e maneiras de pensar". Ademais, parécelle unha oportunidade de "dar a coñecer Taiwán e as miñas obras".
Shih optou por recrear unha clásica imaxe de John Lennon e Yoko Ono para o cartel da súa exposición, na que busca "expresar un sentimentos intensos". Segundo sinala, 'We Are Infinite' reúne un conxunto de pinturas, instalacións e pezas de vídeo nas que aborda unha serie de temáticas relacionadas co xénero, coa reivindicación da igualdade entre mulleres e homes.
A súa idea é promover unha reflexión entre aqueles que contemplen a exposición e destaca o uso do rosa, unha cor asociada ao feminino que "para min significa capacidade e independencia".
As súas vivencias en Pontevedra vense reflectivas en obras como o vídeo Seeing is believing, que plasma o proceso de pintar unha paisaxe local con pintura china, e a realidade da súa terra de orixe tamén está presente en pezas como a instalación I´m from Taiwan.