Cinco artistas de tres países rompen fronteiras en Belas Artes
Por Redacción
Cinco artistas procedentes de Holanda, Eslovenia e Bélxica expoñen desde este xoves na Sala X da facultade de Belas Artes de Pontevedra dentro do proxecto 'Space is our territory', unha mostra comisariada por Carlos Tejo que reúne obras creadas arredor dunha "definición do espazo ampla e indefinida, na que aparentemente as fronteiras desaparecen".
A exposición é resultado da participación de Belas Artes o pasado mes de setembro no encontro internacional Apprentice/Master, que reuniu en Holanda a máis dun cento de artistas novos procedentes dunha vintena de facultades e escolas de arte de diferentes partes de Europa.
Daquela iniciativa, na que esta facultade foi a única representante española, xurdiron unha serie de proxectos expositivos que reunían a estudantes e artistas de diferentes países cun dos profesores participantes no encontro como comisario.
Kolbrun Inga Soring, procedente da Universidade de Ultrecht; a alemá Annahita Asgari, estudante da Gerrit Rietveld Academie de Amsterdam; Vanja Erjavec, da Academy of Visual Arts de Lubiana; Loe van Klaveren, da Willen de Kooning Academy de Rotterdam, e a italiana Tina Grifoni, da Luca School of Arts de Bruxelas son as cinco protagonistas da exposición, que poderá verse nesta facultade ata o 15 de maio.
Segundo informa o Diario da Universidade de Vigo, esta exposición é o froito de meses de intercambio de ideas, partindo da idea proposta por Tejo de abordar "a disolución das fronteiras físicas para alcanzar o que é esencia do ser humano, que, ao fin e ao cabo, é igual en todas partes". Esta idea constituíu só un "punto de partida nun proceso bastante aberto", a raíz do que se produciu unha interacción entre as diferentes participantes "no que houbo que salvar a barreira da distancia e, curiosamente, das fronteiras", salienta.
Xunto a estos cinco artistas, tamén se achegou ata esta facultade do campus pontevedrés o asesor artístico do Apprentice/Master, Thom Puckey, quen destacaba o valor dunha iniciativa que supón unha "mestura de artistas novos con outros máis experimentados, na que poden aprender uns dous outros". De feito, do encontro realizado en setembro xurdiron un total de 24 exposicións.