'Airiños da Peneda' presenta o sábado no Pardo Bazán o seu novo disco
Por Redacción
O Pazo Emilia Pardo Bazán acollerá este sábado a actuación do grupo "Airiños da Peneda", que presentará en Sanxenxo o seu novo disco cun espectáculo gratuíto, ata completar aforamento.
"Airiños da Peneda" inicia así unha xira de presentación que comeza en Sanxenxo este sábado e que lles levará por Porriño, Cambados e Soutomaior, entre outras localidades, para concluír o 26 de novembro en Redondela.
Cabe destacar que entre a recompilación de cancións que compoñen este novo traballo, titulado "Cantigas na Peneda", atópase o tema "Os meus amores", de Manuel Uhía, un tema moi coñecido polos veciños de Sanxenxo e especialmente polos de Portonovo.
"Airiños da Peneda" é un grupo de Redondela, concretamente da parroquia de O Viso, unha zona na que hai unha importante tradición, do século pasado, que consiste en saír durante as festas de Nadal a cantar panxoliñas e cantares de Reis.