Maxia, ciencia, lectura e contos no "Mes das Letras" de Cotobade
Por Redacción
Eventos de maxia, ciencia, lectura e contacontos destinados ao público infantil é a oferta que incluíu o Concello de Cotobade na programación de actividades correspondente á iniciativa cultural Mes das Letras, que se prolongará ata finais do mes de maio.
O Concello deseñou unha programación que abrangue actos dende o Día do Libro ata o Día das Letras Galegas para impulsar a literatura e a cultura entre os máis cativos coincidindo con estas dúas efemérides.
Tras a actividade Divermaxia celebrada o pasado sábado en Tenorio, a seguinte iniciativa centrarase no mundo dos contos e preséntase baixo a denominación Érase un sombreiro, a cargo de Xanela Ocio. Trátase dun contacontos no que se busca favorecer a imaxinación e a creatividade dos rapaces a través de historias protagonizadas por sombreiros de distintas formas e cores. Terá lugar o sábado 30 de abril, ás 12.00 horas, na biblioteca de Carballedo.
Xa o sábado 14 de abril, desenvolverase o obradoiro-contacontos A ciencia é divertida a cargo de Ana Romero "Nita". A actividade, que comezará ás 12.00 horas na biblioteca municipal de Carballedo, céntrase na explicación científica dos aspectos máis cotiás da vida a través dun conto pensado para os máis pequenos.
Finalmente, o mércores 25 de abril pecharase esta programación cultural de Cotobade con Conto contigo, un espectáculo de animación á lectura con contacontos, monicreques e maxia caracterizado pola interactividade e o dinamismo grazas a trabalinguas, cancións e concursos. O espectáculo, de Expresión Produccións, será ás 18.00 horas na biblioteca de Tenorio.