Manuel Jabois da a luz un premio literario
Por Oskar Viéitez
Manuel Jabois estaba en Bruxelas formando parte da delegación de xornalistas que cobre a entrega do premio Intermodes ao Concello de Pontevedra cando lle comunicaron que é o gañador do XIX Premio Literario Bodegas Olarra & Café Bretón.
Presentáranse 56 traballos e segundo o xurado "unha vintena tiñan unha gran calidade literaria".
O xornalista pontevedrés rivalizaba este martes co alcalde Lores no número de palmadiñas nas costas.
Segundo explica Jabois o texto premiado "é un relato longo que non chega a unha novela" e está escrito con esa prosa irreverente marca da casa. Nel fai unha crónica do nacemento do seu fillo, "dende a concepción e pasando por todo o embarazo".
A idea do autor cando empezou a escribir "era que o meu fillo o puidese ler canto tivese uso de razón", pero saíulle tan besta "que creo que non poderá lelo ata que teña trinta anos", chancea.
O premio está dotado con 6.000 euros, ademais da publicación da obra, a cargo da editorial Pepitas de Cabaza. A entrega deste galardón literario celebrarase o próximo 9 de marzo, no Café Bretón de Logroño.
Manuel Jabois, xornalista do Diario de Pontevedra, do xornal El Mundo e da revista dixital Jot Down xa recibiu no ano 2003 o Premio Nacional de Periodismo Julio Camba.
Entre a súa obra publicada destaca A estación violenta (2008), Irse a Madrid (2011) e Grupo salvaje (2012).